A MULLER NA TERRA DE MONTES

Exposición muller

Este sábado 21 de xuño, ás 11:30 horas, Verbo Xido inaugura no Centro Etnográfico de Terra de Montes una exposición fotográfica sobre A Muller na Terra de Montes, unha ollada de conxunto pola Terra de Montes que pon de manifesto a presenza maioritaria das mulleres en escearios tan diferentes como a vida familiar, o traballo da terra, o coidado do gando e os labores da casa e da facenda, así como nas festas, casamentos ou actos que teñen que ver coa relixiosidade popular.

A explicación posiblemente estea nun feito que caracteriza fondamente á bisbarra: a emigración, que levou a boa parte dos homes a traballar como canteiros e albaneis por toda parte, nunha migración temporeira e peculiar que comezaba tan pronto finalizaba o inverno, para voltar aos seus lugares de orixe polo Nadal.

Deste xeito, a muller tivo un papel sobranceiro nos traballos e nos días dos tempos idos e isto vaise reflectir nas oito fotografías que expoñemos grazas á colaboración da Asociación de Mulleres “Espadela”. Mais as instantáneas dan testemuño, igualmente, de tránsitos diversos onde a sociedade tradicional vaise aos poucos esfarelando e dando paso a unha modernidade, onde a muller ten acceso a determinadas facetas ou comportamentos que, noutrora, foron de exclusividade masculina.

Descubrir o devandito nestas humildes fotografías familiares gardadas con  devoción ao longo dos anos, é tamén descubrir a intrahistoria, a historia pequena, destas terras e das nosas xentes.

Non deixedes de visitar a exposición no Centro Etnográfico de Terra de Montes, en Soutelo de Montes.

Unha fotografía de Virxilio Viéitez, portada do libro “Las cartas de Radio Pirenaica”

Portada Virxilio

O mes pasado publicouse o libro “Las cartas de la Pirenaica” de Armand Balsebre, catedrático de comunicación audiovisual daUniversidad Autónoma de Barcelona e a periodista Rosario Fontova.

Na portada do devandito libro podemos ver unha das máis famosas fotografías de Virxilio Viéitez, fotógrafo de Soutelo de Montes moi recoñecido e xa falecido hai uns anos.

Complácenos este recoñecemento para o noso vello amigo Virxilio e a súa obra fotográfica tan característica.

 

Plataforma polo Dereito ao Aborto de Tabeirós-Montes

Xorde un novo colectivo na bisbarra de Tabeirós-Terra de Montes, unha necesaria resposta aos tempos escuros que vivimos.

aborto

Velaí un enlace coa nova da presentación da Plataforma polo Dereito ao Aborto de Tabeirós-Montes:

Emigrados, exiliados e perseguidos. A comunidade portuguesa na Galiza (1890-1940)

O vindeiro venres 24 terá lugar na sala de exposicións de Novagalicia Banco de A Estrada a presentación (por parte da asociación cultural Vagalumes e Verbo Xido), do novo libro de Dionisio Pereira “Emigrados, exiliados e perseguidos.  A comunidade portuguesa na Galiza (1890-1940)” e das listaxes de vítimas do franquismo Terra de Montes nun acto de homenaxe ao portugués, veciño da Estrada (Rubín, O foxo) e fusilado no 1936, Manuel Graciano Araujo, personificando nel a comunidade de inmigrantes leais á república que foron inmolados por defender a xustiza e a libertade.

libro-de-DIONISIO

Referencia da obra:
“Emigrados, exilados e perseguidos. A comunidade portuguesa na Galiza (1890-1940)” é o título da última publicación da Através Editora, carimbo editorial da AGAL, un traballo de historia transnacional que profundiza na recuperación da memoria colectiva entre ambos países. Dionísio Pereira (historiador e economista), é o autor deste ensaio que mostra os efectos da persecución política perpetrada polos franquistas tras o golpe do 36, contra cidadáns de orixe portuguesa residentes ou exilados en Galiza.
Unha pesquisa histórica centrada nas décadas anteriores a xullo do 36 que identifica o coletivo portugués como unha colectividade integrada secularmente na sociedade galega. O descubrimento da sua importancia naquel contexto represivo permite unha nova abordaxe da sua presenza como corrente migratoria e do seu grau de integración laboral e social, así como avanzar na caracterización das persecucións perpetradas polos golpistas. O autor procura, desde finais do século XIX, como é a sua incorporación ao mercado de traballo e como se produce a progresiva integración de multitude de traballadores de alén do Miño nas organizacións obreiras galegas (mesmo como de dirixentes), como prólogo das persecucións de que foron obxecto tras o golpe militar de 1936.
A conivencia do réxime de Oliveira Salazar co golpe contra a República española está ben historiada: desde a participación da coluna de voluntarios dos “Viriatos” á expulsión de fuxidos e a extradición de perseguidos a territorio rebelde. Porém, a presenza portuguesa do ponto de vista das vítimas está pouco documentada e analizada. Trátase dun asunto moi significativo, case descoñecido como fenómeno colectivo, que permite nesta altura formular varias preguntas: a persecución uifrírona como portugueses ou como cidadáns ou habitantes do territorio español? Por que foi obscurecida na memoria e na historia? A invisibilidade deste colectivo reflicte a integración ou a ocultación deliberada?

Charla informativa sobre a minaría en Presqueiras

O pasado sábado 16 celebrouse na Casa do Pobo de Guisande, San Miguel de Presqueiras, unha mesa redonda sobre as minas coa participación de máis de 50 persoas, de Presqueiras, Doade, Xirarga e Rubillón.

O acto foi un éxito de público

O acto foi un éxito de público

Margarida Prieto, do SLG falou, sobre os impactos da megaminaría nas actividades agrogandeiras e forestais.

Xoán Doldán expuxo as características depredadoras da megaminaría e do carácter especulativo das empresas multinacionais que a impulsan.

Roberto Jorge, da comunidade de montes San Miguel, dos proxectos que teñen para a parroquia, das xuntanzas que tiveron coa empresa Solid Mines e dalgúns detalles do anteproxecto que esta lles acaba de presentar.

Por último, Víctor Manuel Gil, da comunidade de montes de Correa (Xirarga), da preocupación que existe na veciñanza cos previsibeis impactos da mina en proxecto e da desconfianza respecto do pouco que revertirá na economía da zona. Rematou cun animado coloquio de máis de unha hora, onde multitude de veciños e veciñas deron conta das súas moitas inquedanzas verbo da mina, centradas na masiva utilización da auga nos labores de procesamento do mineral, da incerteza das compensacións e da necesidade de que exista unha comisión de seguimento integrada polo conxunto de afectados e afectadas (non só CCMMVMC), que estea vixiante e trate coa empresa todas as posibles actuacións con capacidade de veto sobre as mesmas.

Un momento da exposición

Un momento da exposición

Por último, reclamouse que se continúe con este tipo de reunións informativas que contribúan a que a xente se forme unha opinión; deste xeito, os veciños de Rubillón (Avión) presentes solicitaron que se fixera unha no seu lugar. Verbo Xido comprometeuse, dentro da súas posibilidades, a seguir organizando máis xuntanzas informativas pola zona.
Todo un éxito, pois.
Parabens a todos os que traballaron para levar esta iniciativa a bó porto.

Presentación do novo portal cultural de Tabeirós/Terra de Montes

O vindeiro sábado 16, ás 11:30 da mañán, vanse presentar no CETMo o Boletín nº 26 de Verbo Xido (adicado á homenaxe deste verán a Otero Espasandín), e o portal cultural que Verbo Xido está a elaborar conxuntamente coa Asociación Vagalumes de A Estrada. Agora, compre que entre todos e todas lle deamos contido e o aproveitemos no noso labor de oferta de servizos culturais na nosa bisbarra.
Agardamos a vosa asistencia á presentación.

Boletín VX nº 26

http://www.tabeirosmontes.com/

Charla informativa sobre minería

O vindeiro sábado 16 de novembro ás 19 h. terá lugar na Casa do Pobo de Guisande (San Miguel de Presqueiras) unha charla informativa respecto da actividade mineira que pretende levar a cabo a empresa canadiana Solid Resources naquela contorna.
Organizan conxuntamente Verbo Xido e o Sindicato Labrego Galego.
Todos os datos neste enlace:

Cartel charla minas

A megaminaría que vén

Ofrecemos dous enlaces a artigos que sacou El País o xoves 17 de outubro sobre a explotación mineira que podería afectar a Presqueiras (Forcarei), Xirarga e Rubillón (Beariz):

http://ccaa.elpais.com/ccaa/2013/10/16/galicia/1381948490_269091.html

http://ccaa.elpais.com/ccaa/2013/10/16/galicia/1381949197_304077.html

Sabemos que aínda non se presentou na Xunta a solicitude de permiso de explotación nen a declaración de impacto ambiental por parte da empresa. Verbo Xido está en contacto coa CCMMVMC de Santa Mariña de Presqueiras e a de Xirarga, para saber que documentación lles aportou a empresa para obter os anteriores permisos de exploración e investigación.

VX estará moi enriba dos taboleiros municipais para detectar a exposición pública da devandita solicitude, para incentivar a presentación de alegacións e presionar aos concellos para que emitan un informe respecto da mesma.
Seguiremos informando.

Homenaxe ás víctimas do franquismo en Montecubeiro

Ola a tod@s,
O próximo 13 de outubro, a partir das 12’30 h. da mañan, haberá en Montecubeiro (parroquia do concello de Castroverde, en Lugo), un acto de homenaxe e desagravio ás vítimas do franquismo, onde está un monolito que lembra o asasinato de 15 persoas nesa parroquia no 36 por parte dos franquistas.
Dito homenaxe celébrase como unha especie de resposta sensata e civilizada ás declaracións de certo alcalde dun concello limítrofe a Castroverde -Baralla-, que o único que conseguiron é retratar como un franquista “de-toda-a-vida” a ese persoeiro. A Iniciativa Galega pola Memoria -coordenadora galega de grupos memorialistas-, entidade organizadora dese acto, quere dar unha resposta forte e chea de valores cívicos profundamente ancorados nos principios da democracia a tais manifestacións do innomeable alcalde. Por iso, o acto de homenaxe ás vítimas do franquismo do día 13 de outubro terá a seguinte programación:
– Intervención do alcalde de Castroverde, máxima autoridade local, Sr. Xosé María Arias.
– Intervención do representante da Deputación de Lugo, Sr. Mario Outeiro, representando á Deputación de Lugo.
– Intervención dun membro da Iniciativa Galega pola Memoria, en concreto, o profesor e poeta lucense, Sr. Claudio Rodríguez Fer.
– Intervención dun persoeiro coa suficiente conexión co mundo da cultura, da educación e da non violencia, como é o profesor Federico Mayor Zaragoza, ex-director da UNESCO de 1987 a 1999, e presidente da Fundación Cultura de Paz.
– Actuación da artista galega Mercedes Peón.
Para rematar o acto, a xente que así o decidira podemos ir xantar a Castroverde, ao restaurante A Pereira-2, onde temos contratado alí un menú para celebrar conxuntamente tal evento. Podédesvos apuntar a este xantar -cun prezo de 15 euros por cabeza-, na seguinte ligazón: https://docs.google.com/forms/d/1XL2-AC4sqBi_LeRdwuCWXBdSuYHGDeI4i1R8aak4oVg/viewform
Só tedes que encher o formulario que sae logo de premer na ligazón para anotarse ao xantar. É obrigatorio poñer unha conta de correo electrónico, caso de  que non a teñades, poñede a  de alguén coñecidx. En arquivos adxuntos, vai o cartel anunciante do acto, un tríptico que informa máis sobre o que pasou en Montecubeiro, e das razóns que levan á Iniciativa Galega pola Memoria a convocar o acto de homenaxe ás vítimas do franquismo, e máis un arquivo dun acceso á parroquia de Montecubeiro desde a autovía que vai de A Coruña á Pedrafita do Cebreiro.

Iniciativa Galega pola Memoria.

Desfeita no Parque Natural do Monte Pindo

Monte Pindo

A Asociación Monte Pindo Parque Natural, reunida en Comisión Rectora de urxencia hoxe, día 12/09/13, comparece publicamente ante a sociedade
galega para trasladar as seguintes reflexións:
1. Ás 21:36 horas de onte, 11 de setembro de 2013, declarouse un incendio na Cima de Arca que ao cabo duns minutos as autoridades locais e os medios de extinción xa anticipaban que sería imparábel, e as consecuencias catastróficas. En efecto, á hora de emisión deste comunicado, arderon xa 1.600 hectáreas segundo cifras oficiais, o que supón a práctica totalidade do macizo granítico e parte das marismas de Carnota.
2. Ademais o incendio ameazou durante horas os domicilios e as vidas de moitos dos nosos veciños e veciñas.
3. O feito de que se prendera nun sitio de dificil acceso, xusto á hora en que deixan de ser efectivos os medios de extinción aéreos, e aproveitando un vento fortísimo de nordés, aclara non so a intencionalidade do incendio senón que se trata dun atentado ecolóxico co obxectivo claro de destruir por completo o Monte Pindo como finalmente aconteceu.
4. Este atentado e as súas brutais consecuencias non sería posibel unicamente pola  intencionalidade dunha ou varias persoas, senón que foi necesario a existencia doutros dous factores fundamentais: a meteoroloxía adversa e a carencia máis absoluta de medidas de prevención, sendo esta última unha causa totalmente subsanábel.
5. En setembro de 2010, hai agora exactamente 3 anos,  xurdía un movemento social para declarar o Monte Pindo coma Parque Natural, pois é a única figura que obriga legalmente a comprometer un investimento real e anual, crear unha rectora coa participación de todos os interesados e incluso un corpo de vixiancia do monte. Os partidarios desta iniciativa aglutináronse en torno á Asociación Monte Pindo Parque Natural, un colectivo nacido para ese fin por vontade de veciños de Carnota sensibilizados coa problemática específica do Monte Pindo, que rapidamente aglutinou no concello, na comarca, en Galiza e en todo o mundo o apoio de centos de entidades sociais de todo tipo, milleiros de persoas a título individual e ducias de científicos, investigadores e profesores universitarios.
6. Desde o nacemento de dita plataforma a Xunta de Galicia, e nomeadamente a área de goberno responsábel da declaración de Parque Natural, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, dependente da Consellería de Medio Ambiente dirixida por Agustín Hernández Fernández de Rojas, non atendiu en ningún momento esta demanda alegando que o Monte Pindo xa estaba suficientemente protexido baixo a figura de Rede Natura 2000, e incluso que desde as distintas administracións se tiñan destinando ata 360 mil euros nese período 2010-2013 para actuacións no Monte Pindo, dos cales non coñecemos a que se destinou un só euro se é que se gastou. O que é certo é a falta de base e argumentos desta negativa, que primeiro aludía á pouca superficie do espazo a protexer (a pesar de que sería o 5º parque galego en extensión), para logo argumentar que o custe da declaración sería excesivo, etc.
7. Nos últimos anos a Xunta vén distribuindo anualmente entre 2 e 2,2 millóns de euros a repartir entre os seis parques naturais existentes en Galiza. Cunha ínfima parte destes podería terse creado e activado a pleno rendemento o Parque Natural do Monte Pindo, e calculamos que coas actuacións que poderían terse levado a cabo en todo este tempo serían máis que suficientes para minimizar agora os efectos dun incendio coma este, e evitar uns custos en extinción que consideramos moito maior que o gasto de crear o espazo natural protexido que viñamos solicitando.
8. Vivimos varios avisos tanto no ano 2012, cun incendio pequeno no entorno do encoro de Santa Uxía, como hai tan só unha semana na zona de Arcos (Mazaricos), en ambos casos a rápida acción dos contraincendios e as mellores condicións meteorolóxicos fixo posíbel detelos antes de que afectara gravemente ao espazo natural do Monte Pindo. Porén, supuxeron 2 avisos importantes do extremo risco existente, e asi llos transmitimos tanto ás Administracións coma á opinión pública. Nada se fixo ao respecto.
9. No ano 2005 houbo no Monte Pindo un incendio gravísimo que arrasou aproximadamente 550 hectáreas, a terceira parte do que se leva arrasado a esta hora. Pouco despois, sendo lider da oposición no Parlamento de Galicia Alberto Núñez Feijóo (PP) declarou publicamente o seguinte “Canto do queimado se debe aos pirómanos e canto á imprevisión, indolencia e irrespondabilidade do goberno?” Tamén dixo  que “É probábel que as condicións meteorolóxicas sexan peores, e é certo que non é doado apagar o lume, pero en situacións coma esta é na que se mide a eficacia dos gobernos”.
Pindo queimadoEn vista de todo o anterior, entendemos que o gravisimo alcance da catástrofe vivida onte e hoxe no Concello de Carnota tamén ten as súas causas fondamente
enraizadas no factor humano, concretadas no desleixo e falta de preocupación dos nosos representantes políticos nas cuestións do seu ámbito de incumbencia, como asumía o propio Feijóo no ano 2006,  e que son as que levaron á
destrución total do Monte Pindo.
Polo dito, a Asociación Monte Pindo Parque Natural ESIXE:
* A declaración inmediata do Monte Pindo como Parque Natural.
* A dimisión de Agustín Hernández Fernández de Rojas, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, por ser o máximo responsábel da Consellería que decide as novas declaracións de parques naturais en Galiza.
* A dimisión de Rosa Quintana, Conselleira de Medio Rural, por ser a máxima responsábel da  consellería da Xunta de Galicia responsábel da xestión de espazos naturais protexidos.
Ademais, a Asociación Monte Pindo Parque Natural COMUNICA
* Convocamos un Roteiro reivindicativo de subida ao Monte Pindo o día sábado 28 de setembro de 2013, con saída simultánea ás 11:00 horas desde O Pindo (Carnota), Caldebarcos (Carnota), e o Fieiro (Mazaricos)…
* Chamamos a toda a cidadanía galega e as organizacións sociais a concurrir nunha gran Manifestación Nacional, propoñendo como data o domingo día 6 de outubro de 2013, ás 12:00 horas na Alameda de Santiago de Compostela, con obxecto de esixir un cambio radical na política forestal da Xunta de Galicia e no tratamento das problemáticas dos espazos naturais protexidos.
Agradecemos o esforzo obstitnado dos medios contraincendios por minimizar esta catástrofe poñendo incluso en risco as súas vidas para facer todo o posíbel
por salvar o espazo natural e os domicilios da nosa veciñanza, e lamentamos todos os danos materiais que esta traxedia ten ocasionado.
Ante a unanimidade dos presentes, asinamos no lugar do Pindo (Carnota) o 12 de setembro de 2013 sendo as 18:00 horas.

Subscrito polo alcalde de Carnota Ramón Noceda Caamaño.
Subscrito pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Caldebarcos.