Homenaxe aos asasinados en Cerdedo en agosto do 36

Momento do acto na Ponte do Barco

Desde a Asociación Verbo Xido queremos agradecer ás máis de 70 persoas que onte, día 13 de agosto, participaron connosco nos actos de homenaxe ás vítimas do franquismo na Terra de Montes, primeiro na presentación do libro de Dionisio Pereira e Xose Ramón Paz Antón “Facianas da represión franquista na Terra de Montes” no Centro Cultural de Cerdedo e logo na visita ao monumento da Ponte do Barco, que a nosa asociación emprazou no ano 2006 no lugar onde apareceron asasinadas algunhas das vítimas.

Entre os e as asistentes había unha abondosa presenza, máis que nunca, de familiares ou achegados ás vítimas desta zona, unhas 50 persoas, así como de concelleiros e concelleiras do PSdeG e do BNG de Cerdedo, Forcarei, Beariz e A Estrada. Isto fainos pensar que esta sinxela pero emotiva e merecida homenaxe vai tomando corpo e ficando estable no medio doutras celebracións ou actividades que realizamos polos concellos de Terra de Montes.
Aos concellos de Terra de Montes (Cerdedo, Forcarei e Beariz) facémoslles unha petición e emprazámolos para que desde as diferentes corporacións municipais se aproben e se realicen actos en recordo e de dignificación das cerca de 250 persoas que nesta bisbarra sufriron todo tipo de represalias, cadea ou a morte como consecuencia da represión exercida durante a Guerra Civil e a postguerra. Uns actos como os que van realizar o vindeiro día 17 de agosto os concellos de Pontevedra e Poio na honra destas vítimas simbolizadas na figura de Alexandre Bóveda, ou homenaxes como os que outras corporacións democráticas tal que a de Teo (A Coruña), Vilaboa (Pontevedra) ou Castrelo do Val (Ourense) celebran ou celebrarán en datas próximas.

Deixar un comentario