Petición ao Concello de Cerdedo para homenaxear aos Monteagudo.

AO PLENO DA CORPORACIÓN DO CONCELLO DE CERDEDO
.- Exposición de motivos:
Dende hai ben tempo, as investigacións do lembrado D. Antonio Rodríguez Fraiz, desvelaron a importancia senlleira nos séculos XVII e XVIII dunha saga de arquitectos e mestres canteiros, os Monteagudo, orixinarios de Castro Domedio e con casa matriz no rueiro da Caramoniña (ver sucinta biografía no ANEXO). Outro aprezado veciño de Castro Domedio, D. Manuel Monteagudo Ruzo, lembrou as súas figuras nalgúns dos seus artigos e colaboracións xornalísticas, nas que alentou ao Concello para que procedese a honrar a súa traxectoria mediante algún tipo de recoñecemento formal.

En consecuencia, uníndose a voces tan autorizadas e queridas no noso Concello, a Asociación Ecoloxista e Cultural da Terra de Montes “Verbo Xido”, SOLICITA:
– A colocación dunha placa conmemorativa das figuras de Pedro de Monteagudo Piñeiro e Taboada e dos seus fillos Pedro, Antonio e Francisco Monteagudo e Feixoo, nun lugar destacado de Castro Domedio a determinar pola Corporación.
– A realización na “Casa da Sociedade” de Castro Domedio dun acto de carácter informativo, para que a veciñanza do lugar e do Concello en xeral valore en maior medida a relevancia da aportación de todos eles ás artes e á cultura propia do noso país.
Cerdedo, 7 de Maio de 2012

ANEXO

Pedro de Monteagudo Piñeiro e Taboada, nado en Castro Domedio, Santa Baia de Castro (Cerdedo) contra o ano de 1633 e finado en 1700, foi un reputado arquitecto figura da arte barroca. Era fillo do mestre canteiro Pedro de Monteagudo, tamén orixinario de Castro Domedio, e de Dominga de Piñeiro .
Traxectoria
Pedro de Monteagudo construiría algunhas das obras máis relevantes do barroco galego, como son as fachadas dos templos dos mosteiros de San Xoán de Poio e Sobrado dos Monxes. Da súa valía é mostra que fose nomeado “Maestro Mayor de todas las Obras, Castillos y Fortalezas de puertos marítimos” do Reino de Galicia.
Iniciado no oficio polo seu propio pai, comezou traballando no Mosteiro de Oseira, onde será citado como mestre arquitecto, un lugar no que mesmo se aveciñou coa súa esposa, dada a duración das obras. A el se lle atribúen as fachadas exteriores do mosteiro, o claustro dos medallóns, pináculos, monumental escada, a bóveda do coro, etc.
Arredor de 1665, Monteagudo debeu ser contratado para as obras que se viñan realizando no Mosteiro de Santa María de Sobrado, a súa obra cimeira. En 1676, rematou a portada occidental do seu templo, e tres anos máis tarde as torres que a flanquean. Entre 1689 e 1692, constrúe a capela da Virxe do Rosario, na ala setentrional do cruceiro, que está considerada a súa obra mestra. Na fachada da igrexa, o autor asina a súa obra (sitúase no frontón por riba da imaxe da Virxe). Este dato é de grande importancia, xa que por primeira vez na idade moderna en Galicia un arquitecto asina a súa obra. Ninguén desde que o fixera o Mestre Mateo na Catedral de Santiago, reivindicara de tal xeito a súa obra.
Foi pioneiro de facturas e formas que caracterizarían ao barroco galego cun sentido de solidez e elevación incomparables, tal e como se pode admirar na fachada da igrexa de Sobrado.
Porén algúns anos antes, en xaneiro de 1691, Monteagudo, logo da poxa aberta correspondente que gaña, pecha o contrato para erguer no prazo de un ano, consonte planos que o Abade lle presenta, a fachada principal da igrexa do mosteiro de San Xoán de Poio. O Abade de Poio, Pedro Otero, encargoulle polo tanto a fachada do templo do Mosteiro e pese a que seguiu unha traza discreta, Monteagudo non deixou de mudar algúns detalles.
Despois, no ano de 1696, Monteagudo debeu coller as obras da igrexa de Santa Baia de Arealonga, en Vilagarcía de Arousa, que non chegaría a concluír por falecemento a principios de marzo do ano 1700. Foi pai dos tamén arquitectos Pedro, Antonio e Francisco Monteagudo e Feixoo, que deixaron obras importantes en distintos lugares de Galicia.
FONTES:
• Rodríguez Fraiz, Antonio, Canteiros e artistas de Terra de Montes e Ribeiras do Lérez. Pontevedra, 1982.
• Rodríguez Fraiz, Antonio, Pedro de Monteagudo e outros canteiros de Terra de Montes e a súa obra nos mosteiros galegos, in Boletín Auriense, Anexo 6. Ourense, 1986, páxs.153-168
• Tilve Jar, Mª de los Ángeles, El arquitecto Pedro de Monteagudo en la iglesia de Santa Baia de Arealonga (Vilagarcía de Arousa), in El Museo de Pontevedra, nº 44. Pontevedra, 1990, páxs. 431-453

Advertisements

Unha resposta a “Petición ao Concello de Cerdedo para homenaxear aos Monteagudo.

  1. Solo me gustaría comentar que nací en Cerdedo y mi abuelo se llamaba Jose Rascado Monteagudo. Siendo que allí aún vive, su hijo, mi tío Severino. Saludos

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s