O pasado sábado 16 celebrouse na Casa do Pobo de Guisande, San Miguel de Presqueiras, unha mesa redonda sobre as minas coa participación de máis de 50 persoas, de Presqueiras, Doade, Xirarga e Rubillón.
Margarida Prieto, do SLG falou, sobre os impactos da megaminaría nas actividades agrogandeiras e forestais.
Xoán Doldán expuxo as características depredadoras da megaminaría e do carácter especulativo das empresas multinacionais que a impulsan.
Roberto Jorge, da comunidade de montes San Miguel, dos proxectos que teñen para a parroquia, das xuntanzas que tiveron coa empresa Solid Mines e dalgúns detalles do anteproxecto que esta lles acaba de presentar.
Por último, Víctor Manuel Gil, da comunidade de montes de Correa (Xirarga), da preocupación que existe na veciñanza cos previsibeis impactos da mina en proxecto e da desconfianza respecto do pouco que revertirá na economía da zona. Rematou cun animado coloquio de máis de unha hora, onde multitude de veciños e veciñas deron conta das súas moitas inquedanzas verbo da mina, centradas na masiva utilización da auga nos labores de procesamento do mineral, da incerteza das compensacións e da necesidade de que exista unha comisión de seguimento integrada polo conxunto de afectados e afectadas (non só CCMMVMC), que estea vixiante e trate coa empresa todas as posibles actuacións con capacidade de veto sobre as mesmas.
Por último, reclamouse que se continúe con este tipo de reunións informativas que contribúan a que a xente se forme unha opinión; deste xeito, os veciños de Rubillón (Avión) presentes solicitaron que se fixera unha no seu lugar. Verbo Xido comprometeuse, dentro da súas posibilidades, a seguir organizando máis xuntanzas informativas pola zona.
Todo un éxito, pois.
Parabens a todos os que traballaron para levar esta iniciativa a bó porto.