Arquivo da categoría: Centro Etnográfico de Terra de MOntes

A MULLER NA TERRA DE MONTES

Exposición muller

Este sábado 21 de xuño, ás 11:30 horas, Verbo Xido inaugura no Centro Etnográfico de Terra de Montes una exposición fotográfica sobre A Muller na Terra de Montes, unha ollada de conxunto pola Terra de Montes que pon de manifesto a presenza maioritaria das mulleres en escearios tan diferentes como a vida familiar, o traballo da terra, o coidado do gando e os labores da casa e da facenda, así como nas festas, casamentos ou actos que teñen que ver coa relixiosidade popular.

A explicación posiblemente estea nun feito que caracteriza fondamente á bisbarra: a emigración, que levou a boa parte dos homes a traballar como canteiros e albaneis por toda parte, nunha migración temporeira e peculiar que comezaba tan pronto finalizaba o inverno, para voltar aos seus lugares de orixe polo Nadal.

Deste xeito, a muller tivo un papel sobranceiro nos traballos e nos días dos tempos idos e isto vaise reflectir nas oito fotografías que expoñemos grazas á colaboración da Asociación de Mulleres “Espadela”. Mais as instantáneas dan testemuño, igualmente, de tránsitos diversos onde a sociedade tradicional vaise aos poucos esfarelando e dando paso a unha modernidade, onde a muller ten acceso a determinadas facetas ou comportamentos que, noutrora, foron de exclusividade masculina.

Descubrir o devandito nestas humildes fotografías familiares gardadas con  devoción ao longo dos anos, é tamén descubrir a intrahistoria, a historia pequena, destas terras e das nosas xentes.

Non deixedes de visitar a exposición no Centro Etnográfico de Terra de Montes, en Soutelo de Montes.

David Raposeiras e a nova andaina do CETMo

En agosto do ano 2009 comezaba unha nova andaina para o Centro Etnográfico de Terra de Montes CETMo, que abrira as súas portas á veciñanza en Soutelo de Montes, tamén no mes de agosto pero do ano 2000.

Esta nova andaina para o CETMo estivo moi vencellada á figura do alcade forcaricense daquela, David Raposeiras.

Coa concesión en 2009 dunha subvención de 17.000 €  por parte da Axencia Galega para o Desenvolvemento no Rural AGADER, para a rehabilitación e reformas do edificio (cuberta, carpintaría exterior, adaptabilidade do espazo ás persoas con mobilidade reducida, etc), recibía o Centro Etnográfico o pulo necesario para evitar o peche que rondaba desde había algún tempo polas nosas cabezas; ao non recibir o apoio e colaboración necesaria por parte das diferentes administracións local, provincial e galega, agás o pequeno paréntese que chegou desde a Dirección Xeral de Cultura, sendo o seu responsable Luis Bará.

Neses momentos a asociación ecoloxista e cultural de Terra de Montes VERBO XIDO, como responsable do CETMo,  dirixíuse ao concello de Forcarei para solicitar  toda a documentación necesaria para as obras e melloras, e desde o primeiro momento obtivo unha resposta amable e de colaboración por parte do seu alcalde, David Raposeiras. Grazas a el axilizáronse e foron máis doados algúns dos farragosos procesos administrativos, pero sobre todo abríuse unha vía de futura colaboración na defensa e difusión do patrimonio cultural de Terra de Montes que comezou coa inclusión de información sobre o Centro Etnográfico na guía turística e na web do concello.

Sala de exposición no CETMo

Sala de exposición no CETMo

Ademais, co obxectivo de recaudar fondos para as reformas iniciadas, a nosa asociación organizou en dúas ocasións unhas ruadas en Soutelo de Montes ás que David Raposeiras acudíu e colaborou proporcionando elementos da infraestructura necesaria para a súa realización.

Durante dous anos seguidos desde o concello recibimos unha aportación económica para o mantemento e funcionamento do CETMo, que tristemente desde a súa desaparición deixamos de recibir. E, finalmente, estabamos en contacto para intentar levar adiante unha mellora integral do entorno da Aldea de Arriba onde está ubicado o Centro, e albiscabamos un novo futuro de entendemento e posta en valor conxunta da “colección visitable” que posúe o CETMo, única na bisbarra.

Grazas, entre outras cousas, a estas intervencións de David Raposeiras o CETMo continúa aberto, conseguimos outra subvención, esta vez do GDR 20, continuamos a renovar o discurso museístico e agardamos a colaboración necesaria para que iniciativas como esta sexan valoradas como corresponde, máis alá de partidismos como soubo facer David Raposeiras.

NOVA GUÍA DO CENTRO ETNOGRÁFICO DE TERRA DE MONTES


Temos a grande satisfacción de presentarvos a todos a nova guía do Cetmo realizada a finais do pasado ano.
No propio Cetmo téndela á vosa disposición en formato impreso.
Parabéns a todos os que participaron na súa elaboración polo espectacular resultado.
Guía Cetmo

Novos horizontes para o Centro Etnográfico de Terra de Montes

O Centro Etnográfico da Terra de Montes emprazado en Soutelo de Montes, Concello de Forcarei, toma un novo impulso coa recente eleción na asemblea da Asociación VERBO XIDO, realizada o pasado 3 de xullo, dun Consello de Dirección presidido por Gumersindo Guinarte Cabada. Gumersindo Guinarte Cabada, natural de Castrelo, asume así o reto decidido pola Asociación e dado a coñecer no editorial do Boletín nº 24 de VERBO XIDO (Febreiro 2010) de que “o CETMO abra novas vías de diálogo coas institución locais e aposte polo traballo en rede cunha xestión máis profesionalizada e con cometidos máis ambiciosos”. Así o manifestaba o novo presidente da entidade ao tempo que engadía “ata agora o CETMO estaba tutelado polo colectivo social VERBO XIDO que realizou un traballo extraordinario tanto na mellora e posta en valor do edificio que alberga a colección etnográfica como na promoción e difusión da cultura de Terra de Montes. O novo equipo, temos por diante un reto ilusionante pero ambicioso que esperamos levar a cabo”.

A decisión de apostar por un equipo rector para o Centro Etnográfico foi tomada na devandita asemblea da asociación VERBO XIDO na que se acordou que o Museo, que alberga máis de 800 pezas e unha importante biblioteca/arquivo, debía contar cun equipo de profesionais destacados que aporten os seus coñecementos e centren o seu traballo na posta en valor e na xestión do propio CETMO, con autonomía da asociación. Este equipo está composto por:

– Presidente: Gumersindo Guinarte Cabada, natural de Castrelo, profesor de Dereito da Universidade de Santiago, con ampla experiencia en xestión e relacións institucionais tras desempeñar cargos como secretario xeral da Universidade de Santiago, Vicevaledor do Pobo e Secretario xeral da Presidencia do goberno de Emilio Pérez Touriño.

– Vicepresidente: Alfredo González Ruibal, con orixe en Soutelo de Montes, fundador do Centro Etnográfico e impulsor do proxecto que permitíu que a colección de pezas que alí se atopa sexa unha das máis completas de Galicia. Na actualidade Alfredo González, licenciado en historia, compaxina a súa labor de investigador do CSIC con misións arqueolóxicas en Europa do Leste e Africa.

– Secretaria: Concha Otero Alonso, natural de Sanguñedo, profesora de educación secundaria en Vigo e defensora activa do medio ambiente e o desenvolvemento sostible do medio rural.

– Vogais:

Dionisio Pereira, residente en Cerdedo, historiador con recoñecidas publicacións sobre os movementos sociais en Galicia; coordinador da provincia de Pontevedra no Proxecto Interuniversitario “As Vítimas, Nomes e Voces”. Experto en cultura e patrimonio marítimo; é membro do Consello Asesor do Museo do Mar de Galicia.

Luís Gil Pita, con orixe en Cerdedo, arquitecto de profesión. Redactor de diversos inventarios de patrimonio arquitectónico e etnográfico e con experiencia en rehabilitacións e proxectos expositivos.

Beatriz García González, natural de Avila, Museóloga e Consultora cultural e directora da empresa “e-burbulla”.

Francisco Vieitez Cendón, natural de Soutelo de Montes, empresario do sector da cultura e a comunicación e asesor cultural.

Ademáis formará parte deste Consello de Dirección a persoa que desempeñe na Xunta Directiva da Asociación VERBO XIDO o cargo do tesoureiro/a.

Nos próximos días, este equipo reunirase para realizar unha proposta de traballo a medio prazo, mentres de xeito inmediato o presidente Gumersindo Guinarte centrarase en contactar coas institucións locais, tanto concellos, como colectivos para presentar este novo proxecto que segundo el mesmo manifesta “quere ante todo ser un proxecto integrador e aberto, no que contemos coa maior participación social posible e que contribúa a xerar unha oferta cultural ampla e de calidade en Terra de Montes”.

Mentres tanto, a Asociación VERBO XIDO agarda a resolución favorable da subvención solicitada ao abeiro do programa LEADER, a través do GDR 20, no que a Asociación desempeña a Secretaría na Comisión Permanente, para poder mellorar e actualizar o discurso museístico, tendo máis en conta a perspectiva de xénero, a utilización das NTIC´s e o traballo en rede con outros colectivos da comarca.

Como deciamos no noso boletín nº 24: “Veñen, pois, tempos apaixonantes para o CETMO.”