Arquivo da categoría: Medio Ambiente

Nota de prensa da Federación Ecoloxista Galega

A Federación Ecoloxista Galega vén de realizar a súa
asemblea anual ordinaria no concello de Cerdedo, na que,
ademais do debate interno tomáronse as seguintes
consideracións que quere facer públicas.-
1.- A Asemblea da Federación Ecoloxista Galega mostra, unha vez
máis, o seu rexeitamento a unha nova incineradora de residuos, sexa
cal sexa a súa ubicación, e mostra o seu apoio ás plataformas que de xeito local
e galego traballan a prol doutra forma de tratamento dos residuos, apostando
pola redución, pola descentralización e comarcalización do tratamento dos
residuos, pola compostaxe e pola reciclaxe, porque a incineración, como xa se
comprobou en Cerdeda, non é a solución.
2.- Apoiar a educación ambiental en Galicia. Non podemos permitir que a
desidia da Xunta faga desaparecer esta área de crucial importancia das nosas
vidas. Ao peche de numerosos equipamentos de educación ambiental en Galicia
sumouse a eliminación das axudas ás entidades que trabalan en Galicia a favor
da educación ambiental. Así, apoiamos o manifesto en contra da desaparición
da educación ambiental en Galicia da Sociedade Galega de Educación
Ambiental.
3.- Posicionámonos en contra da posible da desaparición da Conca
Hidrográfica Miño Sil. A administración ten que ser útil para a cidadanía. Así,
o criterio de proximidade na xestión dos intereses dos galegos non pode estar a
centos de quilómetros, volvendo a unha situación na que se dificultaba o acceso
aos expedientes de interese para os diferentes afectados. A Conca Miño-Sil ten
que ser unha ferramenta válida para xestionar os nosos recursos hídricos, con
criterios de sostibilidade na procura dunha nova cultura da auga.
4.- Apoiamos a denuncia de Verbo Xido en relación á tala
indiscriminada das árbores das beiras das estradas do concello de
Cerdedo. Querendo ampararse na Lei de prevención e defensa contra os
incendios forestais o Concello procedou á corta de numerosas árbores sen
criterio, ocasionando un dano máis que importante e sen posibilidade de volta atrás. A situación puido terse evitado sen pór en perigo aos usuarios das estradas, controlando a matogueira dun xeito lóxico e non sen criterio, para evitar así, tamén, a propagación, de ser o caso, dos lumes forestais. 5.- A Federación Ecoloxista Galega apoia á folga xeral do próximo 29 de marzo. O movemento ecoloxista galega considera que este é un bo momento para denunciar o inxusto modelo económico que nos levou a unha crise ambiental sen precedentes. Ademais dos actuais recortes sociais, desde o ecoloxismo denunciamos os constantes ataques ao medio ambiente e esiximos políticas de sostibilidade, nas que o ambiental e o social non estén supeditados ao crecemento económico sen control.
Asinado,
Anxo F. Saborido
Coordenador da Federación Ecoloxista Galega

Advertisements

Stop á corta de carballos !!!


Desde a Asociación Ecoloxista e Cultural de Terra de Montes Verbo Xido, consideramos necesario de novo facer unha chamada á reflexión e á responsabilidade do Sr. Acalde de Cerdedo pola corta indiscriminada de carballos que está a acontecer nas beiras de todas as estradas municipais, corta incentivada polo Edicto publicado o día 23 de febreiro e posteriormente polo Aviso do día 19 de marzo. Entendemos que é unha situación que se está a producir por unha interpretación deturpada do espirito da Lei 3/2007, relativa á prevención de incendios forestais.
Despois da análise pormenorizada da devandita Lei e tendo en conta fundamentalmente o Artigos 22 e 23, así como a Disposición Adicional 3ª, e tal como expresamos no noso escrito anterior, non é obrigatorio nin necesario cortar determinadas árbores situadas a menos de 2 m. da estrada se son especies protexidas como os carballos, xa que se a razón son os incendios, que mellor barreira que estas árbores non pirófugas, e se a razón son as xiadas ou a presenza de follas e ponlas nas estradas, reiteramos que unha boa derrama dos carballos, a limpeza do mato das cunetas e unha velocidade adecuada a estes viais, son o mellor xeito de evitar os accidentes.
A raíz dos edictos e avisos do Sr. Alcalde están aparecendo en diversos lugares do Concello, carballos de maior ou menor envergadura cortados polo pe, algo que consideramos moi grave para o noso xa degradado patrimonio forestal, porque non debemos protexer só aqueles exemplares que están catalogados (unha cantidade ínfima en toda Galicia), senón todas aquelas especies autóctonas que preservan das xiadas e axudan na prevención de incendios, limitando a aparición de matoxos ou silvas no seu pe. Eis os carballos, especie que nesta zona xa sufríu unha gran regresión entre os anos 50 e 70 ao seren substituídos por eucaliptos.
Lamentamos que o noso Alcalde non sexa máis sensible e respectuoso co entorno que debemos preservar e coas opinións que discrepan da súa; máis ben semella, polo de agora, ser unha persoa pouco tolerante co parecer dalgúns dos seus veciños, aínda que estas opinións sexan construtivas e contribúan á preservación medioambiental do Concello. Pola contrario, está a inducir a que a veciñanza, quer por presións, quer por non pagar os custes da corta, quer para poder facer leña ou vender carballos sen ter que solicitar permisos, estean a diezmar o noso patrimonio natural como se se abrise a veda.
Por desgracia, isto non fixo máis que comezar e a ver como remata cando “as boas intencións” se apliquen en todo o territorio municipal. Dos resultados, facemos responsable ao Sr. Balseiros.

Nota de prensa de VX sobre a tala indiscriminada de carballos en Cerdedo

A asociación Verbo Xido levará a asemblea anual da Federación Ecoloxista Galega FEG, que terá lugar este sábado 24 de marzo en Cerdedo, a proposta de que todos os grupos ecoloxistas asistentes acorden solicitar ao Sr.Alcalde do concello de Cerdedo unha corta selectiva das árbores que poidan dificultar a seguridade vial así como das que presenten perigo diante da ameaza dun incendio, pero que valore que a medida iniciada no camiño de Cerdedo a Limeres e que pensa extender a todo o concello, pode levarnos a unha importante perda do noso patrimonio.
No anterior escrito enviado pola asociación Verbo Xido e a FEG, que tamén foi remitido ao Sr. Alcalde de Cerdedo o mesmo día que á prensa, xa diciamos que compartimos co rexidor local a fonda preocupación por evitar accidentes e incendios; pero se precisamente os carballos son considerados unha especie barreira para os incendios e as xiadas son menos frecuentes nos viales protexidos por árbores, non entendemos a teimosía do Sr. Alcalde en facer aparecer como incompatibles seguridade e protección de especies autóctonas, en moitos casos con moitos anos de existencia, cando somos un lugar que é apreciado e coñecido polo seu importante patrimonio natural, cada día máis diminuído, tamén hai que dicilo, e con dificultades de conservación por constantes agresións como a que nos ocupa.
Reiteramos que unha boa limpeza das cunetas, unha corta de especies arbóreas sen valor, novas ou ventureiras e unha axeitada derrama daquelas árbores que deban ser conservadas, que non son moitas nas beiras das estradas, son medidas máis que suficientes para asegurar a circulación polos viais do concello e poder ao mesmo tempo ser respectuosos co medioambiente e con aquelas especies que fan da nosa paisaxe todavía un lugar fermoso e primixenio.
Agardamos un bo entendemento.

Pola Xunta Directiva da asociación Verbo Xido
Lola Varela
Presidenta

Corta de árbores inxustificada

A Asociación Ecoloxista e Cultural de Terra de Montes Verbo Xido xunto coa Federación Ecoloxista Galega (FEG), queremos manifestar a nosa preocupación e malestar polas consecuencias que poderían derivarse da estricta aplicación do Edicto do Sr. Alcalde do Concello de Cerdedo publicado o día 23 de febreiro pasado, relativo á corta de árbores para acadar unha maior seguridade vial nas estradas municipais, comezando polo tramo Cerdedo-Limeres, ao ser este considerado de especial perigosidade pola pendente considerable do trazado, pola acumulación de follas e polas zonas de sombra existentes. Dá a entender o Edicto que, no futuro, pretendese estender esta medida a todo o territorio do Concello de Cerdedo, en cumprimento dunha normativa da Xunta de Galicia que non se especifica.

Corta de árbores en Cerdedo

Segundo o devandito Edicto, deben ser cortadas de maneira indiscriminada todas as árbores que estean a menos de 2 m da estrada, sen ter en conta se son especies autóctonas, vellas ou novas, o cal pode producir verdadeiros estragos en especies protexidas (os carballos, por exemplo) e árbores con moitos anos de antigüidade, como realmente está xa a ocorrer no camiño a Chamadoira e a Limeres e a continuación, se non se rectifica, ocorrerá no resto do Concello.
Neste intre, e segundo queixas que nos transmiten veciños da zona, están ameazados de morte varios exemplares de carballos centenarios sen razóns de peso que o xustifiquen, xa que estas árbores non representan ningún perigo para a circulación, a presenza de árbores de envergadura impide a formación de xiadas e se se realizan as derramas oportunas non haberá acumulación de follas. Ademáis, os carballos destas características limitan o medre de maleza no seu contorno e serven como barreira contra os lumes no monte; polo contrario, a súa corta facilitará a proliferación da maleza que haberá que limpar de maneira contínua para evitar os seus efectos pirófugos, aumentando así os gastos do Concello.

Algúns veciños e veciñas ao coñecer o Edicto derramaron os grandes carballos das beiras e, a pesares diso, esas árbores están igualmente ameazadas e os seus propietarios deberán pagar os custes da corta por parte dos operarios municipais se eles non a fan dentro do prazo marcado polo Concello, unha medida que nos parece desproporcionada.
Compartimos co Sr. Alcalde a preocupación pola seguridade viaria da veciñanza, pero isto non é contraditorio coa protección das nosas especies autóctonas, cuxa corta xa está limitada e suxeita a permiso previo.

Sabemos que manter limpas as cunetas é fundamental para a seguridade vial e a loita contra os incendios forestais, polo que se debe impedir a formación de mato e, mesmo, evitar que medren pequenos exemplares ventureiros, pero tamén consideramos que se debería ser selectivo na corta de árbores, salvando aqueles exemplares de entidade e eximindo á veciñanza de calquera carga.

Pola Asociación Verbo Xido, Lola Varela (Presidenta)
Pola Federación Ecoloxista Galega, Anxo F. Saborido (Coordenador)

Asemblea da Federación Ecoloxista Galega en Terra de Montes

O vindeiro 24 de marzo, Verbo Xido ten a honra de organizar a Asemblea Anual Ordinaria da Federación Ecoloxista Galega no Centro Sociocultural de Cerdedo.

O programa  de actividades será o seguinte:

– 11:00 Apertura da Asemblea.

 – 11:15 Presentación e debate do Informe do último ano (actividades, económico, organización) e aprobación do mesmo, de ser o caso.

–  12:00 Presentación de actividades do último ano das entidades integradas na FEG

– 12:30 Proposta, debate e aprobación, se procede, do Plano de Traballo da FEG para o ano 2012-2013.

-14:00 a 16:30 Xantar e convívio

– 16:30 Presentación, debate a probación, das propostas de resolución que se presenten.

– 17: 00 Charla-coloquio “Camiño do residuo cero” a cargo de Celestino Quintela Sabarís.

– 18:15 Clausura da Asemblea.

Nin que dicir ten que para Verbo Xido é unha auténtica honra ter a oportunidade de acoller na nosa bisbarra ás entidades e asociacións irmáns de toda Galiza que integran a FEG.

Grazas e moito éxito.

Verbo Xido faise eco de certa alarma social por unha posible explotación mineira

La Asociación Ecoloxista e Cultural de Terra de Montes Verbo Xido se hizo eco en la jornada de ayer públicamente de la
existencia de “cierta alarma social” ante el temor que infunde a algunos vecinos que llegue a concretarse una posible explotación minera entre Terra de Montes y Beariz.

Ler o resto do artigo no Faro de Vigo (22 de decembro de 2011).