Arquivo da categoría: Memoria Histórica

A MULLER NA TERRA DE MONTES

Exposición muller

Este sábado 21 de xuño, ás 11:30 horas, Verbo Xido inaugura no Centro Etnográfico de Terra de Montes una exposición fotográfica sobre A Muller na Terra de Montes, unha ollada de conxunto pola Terra de Montes que pon de manifesto a presenza maioritaria das mulleres en escearios tan diferentes como a vida familiar, o traballo da terra, o coidado do gando e os labores da casa e da facenda, así como nas festas, casamentos ou actos que teñen que ver coa relixiosidade popular.

A explicación posiblemente estea nun feito que caracteriza fondamente á bisbarra: a emigración, que levou a boa parte dos homes a traballar como canteiros e albaneis por toda parte, nunha migración temporeira e peculiar que comezaba tan pronto finalizaba o inverno, para voltar aos seus lugares de orixe polo Nadal.

Deste xeito, a muller tivo un papel sobranceiro nos traballos e nos días dos tempos idos e isto vaise reflectir nas oito fotografías que expoñemos grazas á colaboración da Asociación de Mulleres “Espadela”. Mais as instantáneas dan testemuño, igualmente, de tránsitos diversos onde a sociedade tradicional vaise aos poucos esfarelando e dando paso a unha modernidade, onde a muller ten acceso a determinadas facetas ou comportamentos que, noutrora, foron de exclusividade masculina.

Descubrir o devandito nestas humildes fotografías familiares gardadas con  devoción ao longo dos anos, é tamén descubrir a intrahistoria, a historia pequena, destas terras e das nosas xentes.

Non deixedes de visitar a exposición no Centro Etnográfico de Terra de Montes, en Soutelo de Montes.

Unha fotografía de Virxilio Viéitez, portada do libro “Las cartas de Radio Pirenaica”

Portada Virxilio

O mes pasado publicouse o libro “Las cartas de la Pirenaica” de Armand Balsebre, catedrático de comunicación audiovisual daUniversidad Autónoma de Barcelona e a periodista Rosario Fontova.

Na portada do devandito libro podemos ver unha das máis famosas fotografías de Virxilio Viéitez, fotógrafo de Soutelo de Montes moi recoñecido e xa falecido hai uns anos.

Complácenos este recoñecemento para o noso vello amigo Virxilio e a súa obra fotográfica tan característica.

 

Emigrados, exiliados e perseguidos. A comunidade portuguesa na Galiza (1890-1940)

O vindeiro venres 24 terá lugar na sala de exposicións de Novagalicia Banco de A Estrada a presentación (por parte da asociación cultural Vagalumes e Verbo Xido), do novo libro de Dionisio Pereira “Emigrados, exiliados e perseguidos.  A comunidade portuguesa na Galiza (1890-1940)” e das listaxes de vítimas do franquismo Terra de Montes nun acto de homenaxe ao portugués, veciño da Estrada (Rubín, O foxo) e fusilado no 1936, Manuel Graciano Araujo, personificando nel a comunidade de inmigrantes leais á república que foron inmolados por defender a xustiza e a libertade.

libro-de-DIONISIO

Referencia da obra:
“Emigrados, exilados e perseguidos. A comunidade portuguesa na Galiza (1890-1940)” é o título da última publicación da Através Editora, carimbo editorial da AGAL, un traballo de historia transnacional que profundiza na recuperación da memoria colectiva entre ambos países. Dionísio Pereira (historiador e economista), é o autor deste ensaio que mostra os efectos da persecución política perpetrada polos franquistas tras o golpe do 36, contra cidadáns de orixe portuguesa residentes ou exilados en Galiza.
Unha pesquisa histórica centrada nas décadas anteriores a xullo do 36 que identifica o coletivo portugués como unha colectividade integrada secularmente na sociedade galega. O descubrimento da sua importancia naquel contexto represivo permite unha nova abordaxe da sua presenza como corrente migratoria e do seu grau de integración laboral e social, así como avanzar na caracterización das persecucións perpetradas polos golpistas. O autor procura, desde finais do século XIX, como é a sua incorporación ao mercado de traballo e como se produce a progresiva integración de multitude de traballadores de alén do Miño nas organizacións obreiras galegas (mesmo como de dirixentes), como prólogo das persecucións de que foron obxecto tras o golpe militar de 1936.
A conivencia do réxime de Oliveira Salazar co golpe contra a República española está ben historiada: desde a participación da coluna de voluntarios dos “Viriatos” á expulsión de fuxidos e a extradición de perseguidos a territorio rebelde. Porém, a presenza portuguesa do ponto de vista das vítimas está pouco documentada e analizada. Trátase dun asunto moi significativo, case descoñecido como fenómeno colectivo, que permite nesta altura formular varias preguntas: a persecución uifrírona como portugueses ou como cidadáns ou habitantes do territorio español? Por que foi obscurecida na memoria e na historia? A invisibilidade deste colectivo reflicte a integración ou a ocultación deliberada?

Homenaxe ás víctimas do franquismo en Montecubeiro

Ola a tod@s,
O próximo 13 de outubro, a partir das 12’30 h. da mañan, haberá en Montecubeiro (parroquia do concello de Castroverde, en Lugo), un acto de homenaxe e desagravio ás vítimas do franquismo, onde está un monolito que lembra o asasinato de 15 persoas nesa parroquia no 36 por parte dos franquistas.
Dito homenaxe celébrase como unha especie de resposta sensata e civilizada ás declaracións de certo alcalde dun concello limítrofe a Castroverde -Baralla-, que o único que conseguiron é retratar como un franquista “de-toda-a-vida” a ese persoeiro. A Iniciativa Galega pola Memoria -coordenadora galega de grupos memorialistas-, entidade organizadora dese acto, quere dar unha resposta forte e chea de valores cívicos profundamente ancorados nos principios da democracia a tais manifestacións do innomeable alcalde. Por iso, o acto de homenaxe ás vítimas do franquismo do día 13 de outubro terá a seguinte programación:
– Intervención do alcalde de Castroverde, máxima autoridade local, Sr. Xosé María Arias.
– Intervención do representante da Deputación de Lugo, Sr. Mario Outeiro, representando á Deputación de Lugo.
– Intervención dun membro da Iniciativa Galega pola Memoria, en concreto, o profesor e poeta lucense, Sr. Claudio Rodríguez Fer.
– Intervención dun persoeiro coa suficiente conexión co mundo da cultura, da educación e da non violencia, como é o profesor Federico Mayor Zaragoza, ex-director da UNESCO de 1987 a 1999, e presidente da Fundación Cultura de Paz.
– Actuación da artista galega Mercedes Peón.
Para rematar o acto, a xente que así o decidira podemos ir xantar a Castroverde, ao restaurante A Pereira-2, onde temos contratado alí un menú para celebrar conxuntamente tal evento. Podédesvos apuntar a este xantar -cun prezo de 15 euros por cabeza-, na seguinte ligazón: https://docs.google.com/forms/d/1XL2-AC4sqBi_LeRdwuCWXBdSuYHGDeI4i1R8aak4oVg/viewform
Só tedes que encher o formulario que sae logo de premer na ligazón para anotarse ao xantar. É obrigatorio poñer unha conta de correo electrónico, caso de  que non a teñades, poñede a  de alguén coñecidx. En arquivos adxuntos, vai o cartel anunciante do acto, un tríptico que informa máis sobre o que pasou en Montecubeiro, e das razóns que levan á Iniciativa Galega pola Memoria a convocar o acto de homenaxe ás vítimas do franquismo, e máis un arquivo dun acceso á parroquia de Montecubeiro desde a autovía que vai de A Coruña á Pedrafita do Cebreiro.

Iniciativa Galega pola Memoria.

Homenaxe ás víctimas da represión falanxista en Terra de Montes

OLYMPUS DIGITAL CAMERAA asociación Verbo Xido celebrou, como cada ano,  a tarde do pasado 13 de agosto unha homenaxe ás víctimas da represión franquista en Terra de Montes. O acto, presentado polo presidente de Verbo Xido, Valentín García Bóveda, consistíu na reposición (por cuarta vez) da placa existente nun pequeno monolito ubicado na Ponte do Barco (Pedre, Cerdedo) en lembranza de Secundino Bugallo e Francisco Arca, quenes foron atopados naquel mesmo lugar a mañán do 13 de agosto de 1936 tar ser torturados e asasinados polos falanxistas locais.

Nesta ocasión, a a placa conmemorativa foi realizada por Adrián Vilas, tataraneto de Secundino Bugallo, quen intervíu no acto para dirixir unhas verbas aos asistentes xunto cun neto do mesmo, que leu entre bágoas un emotivo discurso lembrando ao seu avó e outros familiares represaliados polo simple feito de PENSAR.

OLYMPUS DIGITAL CAMERADesta volta contouse tamén cunha representación oficial da CNT (Confederación Nacional del Trabajo), organización da que os dous homenaxeados eran militantes.

Unha vez máis, a barbarie asasina non quedou no esquecemento.

Homenaxe a Otero Espasandín en Castro

O sábado 27 de xullo máis de medio centenar de persoas participaron nos actos que a Asociación Ecoloxista e Cultural da Terra de Montes “Verbo Xido” organizou en Castro Domedio (Cerdedo), para lembrar e homenaxear no 26 aniversario do seu pasamento ao escritor e mestre Xosé Roxelio Otero Espasandín, contando coa presenza de dous sobriños seus.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O historiador Dionisio Pereira cos dous sobriños do homenaxeado

   No pasado ano 2012 cumpríanse 25 anos da súa morte e, diante do esquecemento xeralizado das diferentes administracións e institucións, Verbo Xido acordou na súa asamblea anual realizar esta merecida homenaxe a unha persoa cabal que debeu se exiliar tras a Guerra civil, e que morreu nos EEUU sen ter regresado nunca a Galiza.

    Os actos, consistiron nunha interesante exposición bibliográfica e nun recital poético-musical, no que participaron os poetas Xosé L. Santos Cabanas e Xoán C. Domínguez Alberte e a poeta Susana Sánchez Arins. A parte musical estivo a cargo da Asociación Cultural A Trepia e as pandereteiras Rexoubeiras de Pontevedra.

 O poeta Xosé L. Santos Cabanas durante a súa intervención

O poeta Xosé L. Santos Cabanas durante a súa intervención

Tras o recital, realizamos un roteiro polos lugares que conforman a xeografía emocional de Otero no lugar de Castro, concibido para que a veciñanza reclame a Otero Espasandín como algo seu e recupere a microtoponimia da localidade. Ao cabo, asistimos a unha charla do catedrático Carlos Amable Baliñas e do historiador Dionísio Pereira, que nos achegaron máis polo miúdo á figura e á escrita de X. O. E. Compre salientar, asemade, que Verbo Xido agasallou aos veciños de Castro cun panel encol da vida de Otero e a reprodución dunha carta súa; a partir de agora estarán expostas na “Casa da Sociedá”.

Daremos boa conta deste acto nun próximo Boletín de Verbo Xido, no que se poderán ler os poemas feitos para ocasión por parte dos poetas que nos acompañaron.

27 de xullo: homenaxe a Otero Espasandín

O vindeiro sábado 27 de Xullo Verbo Xido organiza una homenaxe a Xosé Roxelio Otero Espasandín na súa localidade natal de Castro.

O acto comezará ás 19:00 horas cun recital poético e musical á beira da casa natal do homenaxeado, seguido dun roteiro polo lugar de Castro no que se percorrerán lugares relacionados con el.

Remataremos ás 20:30 horas cun coloquio na Casa da Sociedade na que intervirán Carlos Baliñas e Dionisio Pereira.

Deste xeito pretendemos rendir una merecida homenaxe a un intelectual da nosa bisbarra que tivo que abandonala ben novo por culpa do golpe de estado franquista para non volver nunca máis.

Nova afrenta á memoria dos asasinados en Cerdedo no 36

A memoria de Francisco Arca e Secundino Bugallo aínda molesta máis de setenta anos despois de seren asasinados.

O  pequeno monumento colocado pola Asociación Cultural e Ecoloxista de Terra de Montes “Verbo Xido” de Cerdedo sofriu un novo atentado no que lle foi arrincada a placa cos seus nomes. E é o cuarto.

100_1275“Francisco Arca Valiñas. Secundino Bugallo Iglesias. Ponte do Barco. 13 de agosto de 1936. Morreron pola liberdade”. A placa, situada nun pequeño monolito no lugar de Pedre lembra, por vontade popular, aos dous cerdedenses asesinados pola barbarie falanxista no lugar. O monumento foi violentado por cuarta vez desde que se colocara en agosto de 2006, séndolle retirada a placa na que se mostra o nome dos dous vecinos asesinados.

O novo atentado contra a memoria foi descuberto cando dúas persoas se achegaron á Ponte do Barco cun ramo de frores para honrar ás dúas vítimas do fascismo.

Denunciamos unha vez máis a agresióncon asañamento e reincidencia a unha parte do noso patrimonio cultural colectivo como é a memoria histórica de Cerdedo.Pero por máis que tenten borrar a súa memoria, desde Verbo Xido non esqueceremos aos camaradas Arca e Bugallo.

O novo atentado contra a memoria foi descuberto cando dúas persoas se achegaron á Ponte do Barco cun ramo de frores para honrar ás dúas vítimas do fascismo.

Denunciamos unha vez máis a agresióncon asañamento e reincidencia a unha parte do noso patrimonio cultural colectivo como é a memoria histórica de Cerdedo. Pero por máis que tenten borrar a súa memoria, desde Verbo Xido non esqueceremos aos camaradas Arca e Bugallo.

Roxelio

ANTONIO RODRÍGUEZ FRAIZ E A MEMORIA DOS VENCIDOS NA TERRA DE MONTES

Eliseo naceu en Serrapio hai 83 anos….Da Guerra Civil so recorda -pero moi ben- o ruído dos tiros a primeira hora da mañá e que deixaban esquecidos nas cunetas a varios rapaces. Ao rematar os tiros, tamén, como agora, o silencio reinaba en Serrapio” (“Quen se agocha na empedrada aldea de Serrapio”, Lorena J. Barral, Diario de Pontevedra, 27/5/2012)
Na outra beira do Lérez, na Ponte do Barco, “cuneteados” polos falanxistas ficaron naquel abrente do 13 de agosto de 1936, os canteiros de Figueiroa Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias, ambos da CNT. E ficaron tamén por tempo, o medo e o silencio.
A brutal represión que padeceu Terra de Montes tras o golpe militar de 1936, represión que, segundo as nosas pescudas, sumou ata 1953 cando menos 41 mortos e outros 254 veciños e veciñas obxecto de distintas represalias, aos que deberíamos engadir 35 mozos falecidos loitando no Exército da República, levou de seu o escarmento xeral e a reserva a transmitir ás xeracións vindeiras non só o acontecido naqueles días de ferro, mais tamén as lembranzas da farturenta historia dos movementos agrarios e obreiros nesta bisbarra, cuxo devalar foi moi anterior á etapa republicana.
Agás ocasións especiais, nas que a carón da lareira o silencio rachaba só en presenza de familiares ou xente de fiar, o eco daqueles disparos imperou por décadas e moita xente nova a penas albiscou a implicación dos seus achegados nas remotas axitacións sociais e, sobre todo, o arrepiante andazo que carrexou o franquismo: morte, cadea, exilio, fame e miseria, emigración forzada, humillacións, marxinacións, abusos ás mulleres, expulsións dos traballos…., foron, daquela, pan de cada día para os vencidos.

Retrato de Antonio Rodríguez Fraiz pintado polo pintor madrileño
Manuel Alcorlo a fins dos anos 70

O silencio público crebouno, de xeito paradoxal, unha persoa benquerida que, se ben exerceu cargos na Igrexa dos vencedores (foi Consiliario de Acción Católica durante a contenda), mudou logo radicalmente de visión: referímonos ao sacerdote Antonio Rodríguez Fraiz (1912, Tomonde/Cerdedo-1995, Pontevedra), cuxo centenario nacemento conmemoraremos en novembro deste ano. Logo de coñecer a dor da humanidade vencida nas súas primeiras parroquias (Moaña, en plena guerra; Lucí/Teo e Cervás/Ferrol, despois), o que anos andados será Cronista da Terra de Montes publicará mediada a década dos 70, cando Franco aínda vivía e ninguén fixera tal, unhas rexas entradas na “Gran Enciclopedia Gallega” nas que dará conta do vello agrarismo na Terra de Montes mediante as semblanzas dalgunhas das súas figuras máis destacadas (os forcareicenses Alfredo Iglesias ou os irmáns Dionisio e Narciso Quintillán), engadindo asemade algunha información das represalias franquistas e mesmo de certos vitimarios, caso do garda civil Desiderio Carbajo. Logo, nos seus últimos libros Fraiz se referirá sen limitacións ao propio Iglesias, a Antón Alonso Ríos (o Sinhor Afranio), ou ao derradeiro alcalde de Cerdedo na República, Luciano García Ventín, cultivado e habelencioso ebanista natural da Feira de Fondós, de quen conta que “sofreu moitas persecucións e aldraxes”. Da parroquia natal de Tomonde, relatou Fraiz as penalidades do mestre José Carballo Quintillán, do “buxa” e curmán seu José Rodríguez Quintillán“…e case todos os demais homes maltratados fisicamente polos falanxistas arroupados polos Gardas Civís, destacándose pola barbarie, sadismo e criminosidade o garda civil Desiderio do Cuartel de Forcarei, facendo decote redadas de homes para torturalos no cuartel da devandita vila e logo remésalos (sic) encadeados ao Lazareto de San Simón…”.

Luciano García Ventín, derradeiro alcalde republicano de Cerdedo

Pero houbo quen, no eido privado, precedeu a Fraiz na tarefa de preservar e transmitir a memoria magoada mediante a escrita. Non repetirei eiquí o dito por outros respecto de Martín Ferreiro Álvarez ; engadirei, porén, que Martín era fillo de Antonio Ferreiro, reputado canteiro natural de Os Castros e autor dos cruceiros de Acibeiro, Cerdedo e Quireza, entre moitos outros. Radicado na Coruña onde exerceu como mestre de obras do Concello, tras o control da cidade polos militares Martín foi acusado de pasarlle dinamita (á que tiña acceso polo seu cargo) aos defensores da República. Daquela, non tivo outra que liscar ao domicilio dunha irmá no Outeiro, a moi pouca distancia da taberna-tenda que utilizaron de “cheka” os falanxistas daquela contorna. Alí, entre agosto e outubro de 1936, riscou en galego e a xeito de romance picaresco, lembranzas, hábitos do lugar e abusos dos facciosos, que mesmo tentaron enganar a un dos seus fillos para saber do seu tobo:
“…O meu pequeno mostrando dous duros/Para ti si nos dices donde está.
Meter a un rapaz neses apuros/Para facerlle ao seu pay (sic) delatar…”
Tamén e dende o corredor da súa casa de acollida, foi testemuña das correrías nocturnas dos fascistas por aqueles rueiros, así como das inxustas multas que o falanxista Bao e os seus secuaces impuñan á veciñanza en proveito propio:
“Lévanlle os mozos, á morrer é matar/ós homes xa feitos é das sociedás.
En montes, currunchos, tense que agachar/sin (sic) que eso os libre das multas votadas;
¡Telas que pagar!”
De Martín Ferreiro, que fuxiu a Portugal aos poucos axudado polo seu irmán Antonio e por outro familiar, cumprirá falar máis noutra ocasión.
Na posguerra, un canteiro de Figueiroa foi quen de escribir as súas vivencias como soldado da República, lembranzas intercaladas con algún dato respecto das infames represalias que se estaban a producir nas terras de Cerdedo: eis as Memorias de Rogelio Arca Rivas, ben coñecido nestas terras por ser fillo dun dos sacrificados na Ponte do Barco. Estas Memorias pasaron discretamente por mans acolledoras durante anos, contribuíndo a sustentar a memoria colectiva conservada ata hoxe por algunhas capas populares. Ao cabo, aínda debemos referirnos ao veciño de Santa Baia de Castro, Manuel Monteagudo Ruzo, autor de manuscritos nos que se relatan os atropelos alí cometidos; devecemos porque algún día saian á luz.
Na súa lembranza, na da veciñanza represaliada e mais unha vez sen recoñecemento algún polo Concello, o vindeiro 13 de agosto deitaremos flores e librepensamentos na humilde pedra da liberdade ergueita na Ponte do Barco.
Dionísio Pereira
(Historiador e membro de Verbo Xido)

Homenaxe aos asasinados en Cerdedo en agosto do 36

Momento do acto na Ponte do Barco

Desde a Asociación Verbo Xido queremos agradecer ás máis de 70 persoas que onte, día 13 de agosto, participaron connosco nos actos de homenaxe ás vítimas do franquismo na Terra de Montes, primeiro na presentación do libro de Dionisio Pereira e Xose Ramón Paz Antón “Facianas da represión franquista na Terra de Montes” no Centro Cultural de Cerdedo e logo na visita ao monumento da Ponte do Barco, que a nosa asociación emprazou no ano 2006 no lugar onde apareceron asasinadas algunhas das vítimas.

Entre os e as asistentes había unha abondosa presenza, máis que nunca, de familiares ou achegados ás vítimas desta zona, unhas 50 persoas, así como de concelleiros e concelleiras do PSdeG e do BNG de Cerdedo, Forcarei, Beariz e A Estrada. Isto fainos pensar que esta sinxela pero emotiva e merecida homenaxe vai tomando corpo e ficando estable no medio doutras celebracións ou actividades que realizamos polos concellos de Terra de Montes.
Aos concellos de Terra de Montes (Cerdedo, Forcarei e Beariz) facémoslles unha petición e emprazámolos para que desde as diferentes corporacións municipais se aproben e se realicen actos en recordo e de dignificación das cerca de 250 persoas que nesta bisbarra sufriron todo tipo de represalias, cadea ou a morte como consecuencia da represión exercida durante a Guerra Civil e a postguerra. Uns actos como os que van realizar o vindeiro día 17 de agosto os concellos de Pontevedra e Poio na honra destas vítimas simbolizadas na figura de Alexandre Bóveda, ou homenaxes como os que outras corporacións democráticas tal que a de Teo (A Coruña), Vilaboa (Pontevedra) ou Castrelo do Val (Ourense) celebran ou celebrarán en datas próximas.