Arquivo da categoría: Memoria Histórica

Nova afrenta á memoria dos asasinados en Cerdedo no 36

A memoria de Francisco Arca e Secundino Bugallo aínda molesta máis de setenta anos despois de seren asasinados.

O  pequeno monumento colocado pola Asociación Cultural e Ecoloxista de Terra de Montes “Verbo Xido” de Cerdedo sofriu un novo atentado no que lle foi arrincada a placa cos seus nomes. E é o cuarto.

100_1275“Francisco Arca Valiñas. Secundino Bugallo Iglesias. Ponte do Barco. 13 de agosto de 1936. Morreron pola liberdade”. A placa, situada nun pequeño monolito no lugar de Pedre lembra, por vontade popular, aos dous cerdedenses asesinados pola barbarie falanxista no lugar. O monumento foi violentado por cuarta vez desde que se colocara en agosto de 2006, séndolle retirada a placa na que se mostra o nome dos dous vecinos asesinados.

O novo atentado contra a memoria foi descuberto cando dúas persoas se achegaron á Ponte do Barco cun ramo de frores para honrar ás dúas vítimas do fascismo.

Denunciamos unha vez máis a agresióncon asañamento e reincidencia a unha parte do noso patrimonio cultural colectivo como é a memoria histórica de Cerdedo.Pero por máis que tenten borrar a súa memoria, desde Verbo Xido non esqueceremos aos camaradas Arca e Bugallo.

O novo atentado contra a memoria foi descuberto cando dúas persoas se achegaron á Ponte do Barco cun ramo de frores para honrar ás dúas vítimas do fascismo.

Denunciamos unha vez máis a agresióncon asañamento e reincidencia a unha parte do noso patrimonio cultural colectivo como é a memoria histórica de Cerdedo. Pero por máis que tenten borrar a súa memoria, desde Verbo Xido non esqueceremos aos camaradas Arca e Bugallo.

Roxelio

Advertisements

ANTONIO RODRÍGUEZ FRAIZ E A MEMORIA DOS VENCIDOS NA TERRA DE MONTES

Eliseo naceu en Serrapio hai 83 anos….Da Guerra Civil so recorda -pero moi ben- o ruído dos tiros a primeira hora da mañá e que deixaban esquecidos nas cunetas a varios rapaces. Ao rematar os tiros, tamén, como agora, o silencio reinaba en Serrapio” (“Quen se agocha na empedrada aldea de Serrapio”, Lorena J. Barral, Diario de Pontevedra, 27/5/2012)
Na outra beira do Lérez, na Ponte do Barco, “cuneteados” polos falanxistas ficaron naquel abrente do 13 de agosto de 1936, os canteiros de Figueiroa Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias, ambos da CNT. E ficaron tamén por tempo, o medo e o silencio.
A brutal represión que padeceu Terra de Montes tras o golpe militar de 1936, represión que, segundo as nosas pescudas, sumou ata 1953 cando menos 41 mortos e outros 254 veciños e veciñas obxecto de distintas represalias, aos que deberíamos engadir 35 mozos falecidos loitando no Exército da República, levou de seu o escarmento xeral e a reserva a transmitir ás xeracións vindeiras non só o acontecido naqueles días de ferro, mais tamén as lembranzas da farturenta historia dos movementos agrarios e obreiros nesta bisbarra, cuxo devalar foi moi anterior á etapa republicana.
Agás ocasións especiais, nas que a carón da lareira o silencio rachaba só en presenza de familiares ou xente de fiar, o eco daqueles disparos imperou por décadas e moita xente nova a penas albiscou a implicación dos seus achegados nas remotas axitacións sociais e, sobre todo, o arrepiante andazo que carrexou o franquismo: morte, cadea, exilio, fame e miseria, emigración forzada, humillacións, marxinacións, abusos ás mulleres, expulsións dos traballos…., foron, daquela, pan de cada día para os vencidos.

Retrato de Antonio Rodríguez Fraiz pintado polo pintor madrileño
Manuel Alcorlo a fins dos anos 70

O silencio público crebouno, de xeito paradoxal, unha persoa benquerida que, se ben exerceu cargos na Igrexa dos vencedores (foi Consiliario de Acción Católica durante a contenda), mudou logo radicalmente de visión: referímonos ao sacerdote Antonio Rodríguez Fraiz (1912, Tomonde/Cerdedo-1995, Pontevedra), cuxo centenario nacemento conmemoraremos en novembro deste ano. Logo de coñecer a dor da humanidade vencida nas súas primeiras parroquias (Moaña, en plena guerra; Lucí/Teo e Cervás/Ferrol, despois), o que anos andados será Cronista da Terra de Montes publicará mediada a década dos 70, cando Franco aínda vivía e ninguén fixera tal, unhas rexas entradas na “Gran Enciclopedia Gallega” nas que dará conta do vello agrarismo na Terra de Montes mediante as semblanzas dalgunhas das súas figuras máis destacadas (os forcareicenses Alfredo Iglesias ou os irmáns Dionisio e Narciso Quintillán), engadindo asemade algunha información das represalias franquistas e mesmo de certos vitimarios, caso do garda civil Desiderio Carbajo. Logo, nos seus últimos libros Fraiz se referirá sen limitacións ao propio Iglesias, a Antón Alonso Ríos (o Sinhor Afranio), ou ao derradeiro alcalde de Cerdedo na República, Luciano García Ventín, cultivado e habelencioso ebanista natural da Feira de Fondós, de quen conta que “sofreu moitas persecucións e aldraxes”. Da parroquia natal de Tomonde, relatou Fraiz as penalidades do mestre José Carballo Quintillán, do “buxa” e curmán seu José Rodríguez Quintillán“…e case todos os demais homes maltratados fisicamente polos falanxistas arroupados polos Gardas Civís, destacándose pola barbarie, sadismo e criminosidade o garda civil Desiderio do Cuartel de Forcarei, facendo decote redadas de homes para torturalos no cuartel da devandita vila e logo remésalos (sic) encadeados ao Lazareto de San Simón…”.

Luciano García Ventín, derradeiro alcalde republicano de Cerdedo

Pero houbo quen, no eido privado, precedeu a Fraiz na tarefa de preservar e transmitir a memoria magoada mediante a escrita. Non repetirei eiquí o dito por outros respecto de Martín Ferreiro Álvarez ; engadirei, porén, que Martín era fillo de Antonio Ferreiro, reputado canteiro natural de Os Castros e autor dos cruceiros de Acibeiro, Cerdedo e Quireza, entre moitos outros. Radicado na Coruña onde exerceu como mestre de obras do Concello, tras o control da cidade polos militares Martín foi acusado de pasarlle dinamita (á que tiña acceso polo seu cargo) aos defensores da República. Daquela, non tivo outra que liscar ao domicilio dunha irmá no Outeiro, a moi pouca distancia da taberna-tenda que utilizaron de “cheka” os falanxistas daquela contorna. Alí, entre agosto e outubro de 1936, riscou en galego e a xeito de romance picaresco, lembranzas, hábitos do lugar e abusos dos facciosos, que mesmo tentaron enganar a un dos seus fillos para saber do seu tobo:
“…O meu pequeno mostrando dous duros/Para ti si nos dices donde está.
Meter a un rapaz neses apuros/Para facerlle ao seu pay (sic) delatar…”
Tamén e dende o corredor da súa casa de acollida, foi testemuña das correrías nocturnas dos fascistas por aqueles rueiros, así como das inxustas multas que o falanxista Bao e os seus secuaces impuñan á veciñanza en proveito propio:
“Lévanlle os mozos, á morrer é matar/ós homes xa feitos é das sociedás.
En montes, currunchos, tense que agachar/sin (sic) que eso os libre das multas votadas;
¡Telas que pagar!”
De Martín Ferreiro, que fuxiu a Portugal aos poucos axudado polo seu irmán Antonio e por outro familiar, cumprirá falar máis noutra ocasión.
Na posguerra, un canteiro de Figueiroa foi quen de escribir as súas vivencias como soldado da República, lembranzas intercaladas con algún dato respecto das infames represalias que se estaban a producir nas terras de Cerdedo: eis as Memorias de Rogelio Arca Rivas, ben coñecido nestas terras por ser fillo dun dos sacrificados na Ponte do Barco. Estas Memorias pasaron discretamente por mans acolledoras durante anos, contribuíndo a sustentar a memoria colectiva conservada ata hoxe por algunhas capas populares. Ao cabo, aínda debemos referirnos ao veciño de Santa Baia de Castro, Manuel Monteagudo Ruzo, autor de manuscritos nos que se relatan os atropelos alí cometidos; devecemos porque algún día saian á luz.
Na súa lembranza, na da veciñanza represaliada e mais unha vez sen recoñecemento algún polo Concello, o vindeiro 13 de agosto deitaremos flores e librepensamentos na humilde pedra da liberdade ergueita na Ponte do Barco.
Dionísio Pereira
(Historiador e membro de Verbo Xido)

Homenaxe aos asasinados en Cerdedo en agosto do 36

Momento do acto na Ponte do Barco

Desde a Asociación Verbo Xido queremos agradecer ás máis de 70 persoas que onte, día 13 de agosto, participaron connosco nos actos de homenaxe ás vítimas do franquismo na Terra de Montes, primeiro na presentación do libro de Dionisio Pereira e Xose Ramón Paz Antón “Facianas da represión franquista na Terra de Montes” no Centro Cultural de Cerdedo e logo na visita ao monumento da Ponte do Barco, que a nosa asociación emprazou no ano 2006 no lugar onde apareceron asasinadas algunhas das vítimas.

Entre os e as asistentes había unha abondosa presenza, máis que nunca, de familiares ou achegados ás vítimas desta zona, unhas 50 persoas, así como de concelleiros e concelleiras do PSdeG e do BNG de Cerdedo, Forcarei, Beariz e A Estrada. Isto fainos pensar que esta sinxela pero emotiva e merecida homenaxe vai tomando corpo e ficando estable no medio doutras celebracións ou actividades que realizamos polos concellos de Terra de Montes.
Aos concellos de Terra de Montes (Cerdedo, Forcarei e Beariz) facémoslles unha petición e emprazámolos para que desde as diferentes corporacións municipais se aproben e se realicen actos en recordo e de dignificación das cerca de 250 persoas que nesta bisbarra sufriron todo tipo de represalias, cadea ou a morte como consecuencia da represión exercida durante a Guerra Civil e a postguerra. Uns actos como os que van realizar o vindeiro día 17 de agosto os concellos de Pontevedra e Poio na honra destas vítimas simbolizadas na figura de Alexandre Bóveda, ou homenaxes como os que outras corporacións democráticas tal que a de Teo (A Coruña), Vilaboa (Pontevedra) ou Castrelo do Val (Ourense) celebran ou celebrarán en datas próximas.

No rural aínda hai medo á Memoria Histórica

“Dionisio Pereira (A Coruña, 1953) meteu o nariz onde o chamaban. Quixo ser a voz das moitas historias que agardan nunha cuneta para ser contadas, e saíu escaldado.

Unha frase escrita nunha páxina dun libro, A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo, levouno ante o xuíz no 2007. Acusábano de historiador.
Os familiares de Manuel Gutiérrez Torres, ex alcalde de Cerdedo e xefe local da Falange nos anos da guerra civil, esixían unha rectificación. Non querían ver o nome do seu ancestro a carón do termo ‘represión’.
Pero Pereira non se retractou. Buscou máis testemuños que apoiasen a súa investigación e tirou para adiante. A Audiencia de Pontevedra vén de darlle a razón: a verdade tumbou á honra. Non está satisfeito. Para el, sentar no banco dos acusados tamén é unha condena.
Pregunta: Nos dous anos de loita xudicial que vén de afrontar, pensou en recuar?
Resposta: Non. Non porque as miñas fontes son solventes e se cando escribín o libro tiña probas dabondo pois agora teño máis. Así que non, en absoluto. Mais iso non quere dicir que estivese no meu ánimo ter algún tipo de actitude agresiva que poida presupoñer ir contra a honra de ninguén.
P: Entende a dor que lle poida supoñer a estas familias coñecer certos aspectos da vida dos seus ancestros, pero por enriba está para vostede o dereito a coñecer a verdade.
R: Efectivamente. A partir de agora entendo que entraremos nunha etapa máis contrutiva (ri), poderemos ter un espazo de convivencia no que ese dereito de investigación e o dereito da cidadanía a saber foron amparados. Pero, dende logo, sen que ninguén se sinta agredido, pois os descendentes de quen estea implicado neste tipo de actos non son responsables de nada e ninguén os sinala.
A verdade ou a honra
P: Como di, no seu caso primou o dereito a saber fronte ao dereito á honra. Como valora o fallo?
R: Ben, xa hai bastante Xurisprudencia. Dende a transición haberá unha ducia ou unha quincena de casos semellantes ao meu onde quedou claro que prevalecen traballos de interese histórico, científico, a investigación sobre a honra.
A min o único que me gustaría é que non tivesemos que chegar a un xuízo. No noso país existe unha liberdade de expresión e todo o mundo pode ter acceso a ella. Se hai quen entende que non é correcto, que non se axusta á verdade o que se escribe teñen a posibilidade de retrucar da mesma maneira, dicindo que esa afirmación se está a facer sen probas suficientes. Esa libertade témola todos.
Ir ao tema xudicial, para os historiadores xa supón unha condena en si mesmo, aínda que saian absoltos. Unha condena porque para min estes dous anos e pico, se é que rematan aquí [a familia do ex alcalde falanxista ten aínda a posibilidade de presentar un recurso ante o Tribunal Constitucional], significan unha condena de seu pola perda de tempo, a perda de diñeiro e a intranquilidade que che produce.
E no meu caso son dous anos, pero coñezo casos cun derroteiro xudicial de dez anos, con todo o que iso supón. Entendo que debería haber algún tipo de amparo para as persoas que tratamos de coñecer a verdade do que aconteceu hai setenta anos.
P: A rexeneración democrática que tanto demanda pasa por atrancos coma este?
R: Sempre se di que non se pode dar por pechada unha páxina se non se le antes. Eu penso que unha das eivas que ten a democracia no Estado español é recoñecer as vítimas do franquismo a todos os niveis. Iso implica algo que non recoñece nin a Lei de Memoria Histórica, que é eliminar os xuízos contra persoas que foron inxustamente represaliadas, fusiladas ou que pasaron moitos anos na cadea.
Os valores de democracia, de liberdade, de solidariedade, de xustiza coas persoas que foron perseguidas inxustamente por loitar precisamente por eles é algo que aínda falta. Exhibir eses valores é un garante da democracia, mantelos agochados pón en perigo a calidade democrática.
Xulgados por historiadores
P: A Lei de Memoria Histórica xa advertía de que os xuízos contra historiadores irían en aumento.
R: Si, iso é así. O momento de depuración da memoria dos vencidos comezou coa transición, pero intensificouse moito a partir dos anos 90. Nun principio todos nos fixamos nas vítimas, como tiña que ser, falar delas e que os seus nomes volvan estar nas nosas mentes. Está claro que recuperar e lembrar é un acto de xustiza.
Pero nós non podemos falar das vítimas sen falar do réxime opresivo, ditatorial, que foi o causante de todas estas persecucións. Como a evolución vai de falar das vítimas a falar dos represores empezan a xurdir os problemas. Cónstame que existen presións contra outros colegas para que non escriban, non digan, non falen. Se non se ampara o dereito a saber, os historiadores estaremos no punto de mira de persoas que aposten polo escurantismo e o esquecemento.
P: Que peso teñen os documentos que se conservan daqueles anos? Ante xuízos feitos sen garantías e confesións asinadas por medo, ata que punto gozan de maior credibilidade ca un testemuño oral?
R: Uf! Eu creo que todas as fontes teñen os seus pros e os seus contras, todas. Como ben dixeches, estamos continuamente traballando con consellos de guerra que se conservan nos arquivos dos tribunais militares, onde as dilixencias que se fan teñen como transfondo a tortura e os malos tratos. Estes testemuños hai que collelos con certas precaucións, pero tamén é certo que os consellos de guerra dan moita información.
Non podo dicir que unha fonte é mellor ca outra, todas se necesita, todas hai que empregalas con precaucións e, sobre todo, saber combinalas. Coa mestura dunhas e doutras é cando nos achegamos en maior medida á realidade. Nas fontes orais hai que saber con quen se fala, que mérito ten o informante, contrastar e… cantos máis testemuños mellor. Os historiadores temos isto moi claro, e tratamos de facer as cousas co maior rigor posible.

As eivas dunha ansiada lei
E como historiador, como ve a Lei da Memoria? É unha norma útil ou unha sorte de amnistía?
R: Amnistía non, non é unha lei de Punto Final como se dixo. Pero o que si é certo é que ten moitas eivas. Unha delas, o non recoñecemento xurídico das vítimas. Poden ser recoñecidas en base a un diploma que lles conceden, pero o que non poden é esixir que se cumplan dereitos fundamentais coma que se anulen os xuízos falsos dos que falabamos antes, poño por caso. Ou que os familiares directos de persoas asasinadas extraxudicialmente, os famosos paseos, non poidan nin tan sequera reclamar unha indemnización por estes asasinatos. A Lei ten moitas eivas. A fundamental: que non se recoñece xuridicamente ás vítimas.
Tamén é unha sorte de declaración de principios, pero á hora da verdade fan falla fondos e vontade política que ás veces non se ve. Mesmo en cuestións tan básicas como é a eliminación da simboloxía franquista das nosas rúas e edificios parece coma se se buscasen atrancos para levala a cabo. Dende que esa lei está funcionando, hai dous anos, as súas consecuencias foron menores do que sería desexable.
P: Hai medo á memoria?
R: Si, si, si. Sobre todo nos lugares máis pequenos, nas zonas rurais aínda hai moita xente que prefire calar. Ás veces porque é moi doloroso o que teñen que lembrar, e outras simplemente para non poñerse a mal con outros veciños que tiveron, eles ou os seus devanceiros, algo que con estas terribles situacións. Ou incluso porque se identifica o poder local cunha sorte de continuación, que dalgún xeito quitou tallada da guerra civil. Si, si que hai moito medo.

Protexer o franquismo
P: Ditaduras coma a de Hitler, Mussolini ou Pinochet, poño por caso, condénanse coa boca grande. Que pasa con Franco e coa Lei da Amnistía do 77?
R: Que pasa? Que Franco morreu na cama! O réxime de liberdades que aparece na Transición é o dunha democracia vixilada froito non dunha derrota do franquismo, senón dun pacto. Isto leva a que non se lle dea o mesmo tratamento á lembranza de Franco do que acontece con Hitler ou Mussolini nos seus respectivos países, onde a apoloxía dos seus rexímenes está perseguida.
Aquí, hai veces que parece que pasa o contrario. Coma se houbese unha certa protección de todo o que significa o réxime franquista, e as vítimas son tratadas dun xeito… eu entendo que con pouca xustiza.
P: En que ocupa o seu tempo a día de hoxe? Segue a investigar a ditadura?
R: Si. Estou a rematar un libro sobre a loita de clases no mundo do mar, e a represión franquista contra os pescadores galegos. Unha temática un pouco na liña de todo isto que acabamos de falar.

Pasamento do camarada Roxelio Arca

Logo do pasamento hai poucos meses de Olga Camiña na Arxentina, hoxe temos que darvos outra mala nova: a morte esta noite pasada de Rogelio Arca.

Como sabedes, Rogelio, cos seus 97 anos era unha das poucas persoas que, no Concello de Cerdedo, conservaba a memoria da represión franquista e a lealdade á figura do seu pai, Francisco Arca, asasinado na Ponte do Barco o 13 de agosto de 1936. Con el váisenos unha das derradeiras faíscas daquel afervoado lume cidadán e proletario que, nesta bisbarra e por toda parte, acendeu no transcurso da IIª República. Rogelio, daquela, xa puido participar dos ideais libertarios e confederais do seu pai (militante destacado da Sociedad “El Trabajo” de Figueroa, integrada na CNT), e coñeceu tamén as duras loitas obreiras do ramo da construción madrileño, nas que participaron non poucos canteiros do país, emigrados alí temporalmente por cuestións laborais. Logo, este colectivo e Rogelio canda eles, participou na contenda civil como voluntario nas unidades, quer das Milicias Confederais, quer do Exército Popular da República, sobrevivindo a situacións extremas e deixándonos unhas Memorias escritas da súa terrible experiencia, Memorias que hoxe teñen á nosa Asociación como depositaria e garante da súa transmisión as xeracións futuras. Rogelio, asemade, agasallóunos coa pequena Kodak de abanico coa que inmortalizou a loita destes canteiros da Terra de Montes na fronte de Madrid a fins do ano 1937, cun mangado de fotografías que, despois de case que 70 anos, puidemos salvar e publicar no su libro “Album de Guerra”, editado co noso concurso polos compañeiros ourensáns da “Difusora de Artes e Ideas”, no ano 2008.

Nós entramos en contacto con Rogelio vai para máis de dez anos e podemos acreditar que foi un home que nunca agachou o seu devezo pola liberdade e a xustiza, ao tempo que o seu rexeite do neo-caciquismo local que aturamos arestora, herdeiro en certo modo da sanguinaria Ditadura implantada tras o golpe militar, que tanta dor provocou na súa familia. E tamén sabemos da súa satisfación ao saberse acompañado e valorado nos seus derradeiros anos por persoas que concordamos cos seus ideais, que tamén son os da Humanidade adoecida.

Rogelio, ao cabo, foi consecuente ata o final deste seu pensar e sentir. E tamén nos fixo partícipes de que desexaba que lle soterraran cunha bandeira da República no interior do seu cadaleito. Non puido ser: o “que dirán”; o temor ao estigma; o sometemento desta comunidade servil, na que o laicismo de esquerdas aínda debe superar o temor e a intolerancia xerais, aos dictados dun catolicismo formal que non sentía como seu, teñen como consecuencia que, no canto da bandeira pola que el devecía, sexa acompañado por símbolos relixiosos. Nós, coñecedores da súa vontade máis tamén das limitacións dos seus achegados (lamentablemente moi alonxados das súas ideas e das súas vivencias), non teimamos en levala a cabo por delicadeza e respecto á súa figura, querida polo conxunto da veciñanza, que tamén é sabedora da súa maneira de pensar e actuar.

Con Rogelio, en suma, vaise boa parte da “memoria dos vencidos” das terras cerdedenses, unha memoria que, no seu pasamento, nos comprometemos a que continúe viva e rebelde por estas terras, como garantía dun futuro mellor, tamén para Terra de Montes.

Esa será a nosa mellor homenaxe.

Lembrando o 18 de Xullo

O pasado 18 de xullo a asociación Verbo Xido estivo na illa de San Simón, participando nun acto conmemorativo do 74 aniversario do comezo da Guerra Civil, para reivindicar ás víctimas do franquismo. Ademais presentouse a Iniciativa Galega pola Memoria, da que Verbo Xido e destacado impulsor e dinamizador.
No acto, que presentou Comba Campoi, actuou A Quenlla e leron poemas os profesores e escritores Claudio Rodriguez Fer e Carmen Blanco.