Xorde un novo colectivo na bisbarra de Tabeirós-Terra de Montes, unha necesaria resposta aos tempos escuros que vivimos.
Arquivo da categoría: Varios
Plataforma polo Dereito ao Aborto de Tabeirós-Montes
Publicado en Varios
Charla informativa sobre a minaría en Presqueiras
O pasado sábado 16 celebrouse na Casa do Pobo de Guisande, San Miguel de Presqueiras, unha mesa redonda sobre as minas coa participación de máis de 50 persoas, de Presqueiras, Doade, Xirarga e Rubillón.
Margarida Prieto, do SLG falou, sobre os impactos da megaminaría nas actividades agrogandeiras e forestais.
Xoán Doldán expuxo as características depredadoras da megaminaría e do carácter especulativo das empresas multinacionais que a impulsan.
Roberto Jorge, da comunidade de montes San Miguel, dos proxectos que teñen para a parroquia, das xuntanzas que tiveron coa empresa Solid Mines e dalgúns detalles do anteproxecto que esta lles acaba de presentar.
Por último, Víctor Manuel Gil, da comunidade de montes de Correa (Xirarga), da preocupación que existe na veciñanza cos previsibeis impactos da mina en proxecto e da desconfianza respecto do pouco que revertirá na economía da zona. Rematou cun animado coloquio de máis de unha hora, onde multitude de veciños e veciñas deron conta das súas moitas inquedanzas verbo da mina, centradas na masiva utilización da auga nos labores de procesamento do mineral, da incerteza das compensacións e da necesidade de que exista unha comisión de seguimento integrada polo conxunto de afectados e afectadas (non só CCMMVMC), que estea vixiante e trate coa empresa todas as posibles actuacións con capacidade de veto sobre as mesmas.
Por último, reclamouse que se continúe con este tipo de reunións informativas que contribúan a que a xente se forme unha opinión; deste xeito, os veciños de Rubillón (Avión) presentes solicitaron que se fixera unha no seu lugar. Verbo Xido comprometeuse, dentro da súas posibilidades, a seguir organizando máis xuntanzas informativas pola zona.
Todo un éxito, pois.
Parabens a todos os que traballaron para levar esta iniciativa a bó porto.
Publicado en Varios
Presentación do novo portal cultural de Tabeirós/Terra de Montes
O vindeiro sábado 16, ás 11:30 da mañán, vanse presentar no CETMo o Boletín nº 26 de Verbo Xido (adicado á homenaxe deste verán a Otero Espasandín), e o portal cultural que Verbo Xido está a elaborar conxuntamente coa Asociación Vagalumes de A Estrada. Agora, compre que entre todos e todas lle deamos contido e o aproveitemos no noso labor de oferta de servizos culturais na nosa bisbarra.
Agardamos a vosa asistencia á presentación.
Publicado en Varios
Charla informativa sobre minería
O vindeiro sábado 16 de novembro ás 19 h. terá lugar na Casa do Pobo de Guisande (San Miguel de Presqueiras) unha charla informativa respecto da actividade mineira que pretende levar a cabo a empresa canadiana Solid Resources naquela contorna.
Organizan conxuntamente Verbo Xido e o Sindicato Labrego Galego.
Todos os datos neste enlace:
Publicado en Varios
Nova afrenta á memoria dos asasinados en Cerdedo no 36
A memoria de Francisco Arca e Secundino Bugallo aínda molesta máis de setenta anos despois de seren asasinados.
O pequeno monumento colocado pola Asociación Cultural e Ecoloxista de Terra de Montes “Verbo Xido” de Cerdedo sofriu un novo atentado no que lle foi arrincada a placa cos seus nomes. E é o cuarto.
“Francisco Arca Valiñas. Secundino Bugallo Iglesias. Ponte do Barco. 13 de agosto de 1936. Morreron pola liberdade”. A placa, situada nun pequeño monolito no lugar de Pedre lembra, por vontade popular, aos dous cerdedenses asesinados pola barbarie falanxista no lugar. O monumento foi violentado por cuarta vez desde que se colocara en agosto de 2006, séndolle retirada a placa na que se mostra o nome dos dous vecinos asesinados.
O novo atentado contra a memoria foi descuberto cando dúas persoas se achegaron á Ponte do Barco cun ramo de frores para honrar ás dúas vítimas do fascismo.
Denunciamos unha vez máis a agresióncon asañamento e reincidencia a unha parte do noso patrimonio cultural colectivo como é a memoria histórica de Cerdedo.Pero por máis que tenten borrar a súa memoria, desde Verbo Xido non esqueceremos aos camaradas Arca e Bugallo.
O novo atentado contra a memoria foi descuberto cando dúas persoas se achegaron á Ponte do Barco cun ramo de frores para honrar ás dúas vítimas do fascismo.
Denunciamos unha vez máis a agresióncon asañamento e reincidencia a unha parte do noso patrimonio cultural colectivo como é a memoria histórica de Cerdedo. Pero por máis que tenten borrar a súa memoria, desde Verbo Xido non esqueceremos aos camaradas Arca e Bugallo.
Publicado en Memoria Histórica, Varios
Serán polas nosas árbores autóctonas
O pasado venres 14 de decembro, nunha noite de treboada infernal, Verbo Xido conseguíu convocar un xeitoso grupo de persoas no Serán polas nosas árbores autóctonas. Ata cerca da media noite houbo boa festa no Bar-Restaurante O Meu Lar grazas á colaboración da escritora Susana Sánchez Aríns, natural de O Foxo ( A Estrada) que leu textos e poemas escritos para a ocasión, e á música e baile do grupo A Trepia e As pandereteiras de O Seixido.
Proxectouse un audiovisual sobre a loita que ven levando Verbo Xido desde o pasado mes de febreiro pola defensa das nosas árbores autóctonas.
Velaquí tendes algúns dos textos lidos esa noite por Susana:
o carvalho do fojo
no pátio da casa-escola nasceu um carvalho. foi miragreiro.
as mestras do fojo pediram um arranjo do pátio, porque a meninhada brincava nas poças quando a chúvia e na poeira quando o sol. o concelho encheu o pátio de grava. ademais, em cada recreo, uma turva de mais de corenta crianças (eram tempos em que as aldeias tinham crianças) irrompia no pátio feita marabunta.
e aí, no ermo de um pátio de grava esmagado por pés de meninhos corredores, nasceu um carvalho.
para nós foi tam miragreiro que nos lembro indo junto minha mãe anunciando a boa nova. como se em vez de carvalho nascera um cristinho. tinha que ter nascido dalgum espírito santo, porque na volta nom havia nengum carvalho grande que pudera fazer de pai, tam sequer putativo.
daquela, o rebento virou o nosso protegido. nom deixavamos a ninguém tocá-lo. se vinham dias de seca, regavamo-lo, arrincavamos as ervas para que colhera o sol… e aprendemos que isso de que as árvores galegas crescem lentas era uma mentira enorme. porque viamos a árvore crescer.
anos depois, nos nossos doze anos de tardes de verão enternas jogando ás escondidas, o agocho preferido era tombar-nos no chão por trás dum carvalhote que já nos chegava pola cintura. um carvalhote que saiu especial, pois deu em botar dous galhos e apontar ao céu em duas direcçons.
para que nom se sentisse sozinho nesse ermo de pátio de escola, roubamos no monte um acrivro e plantamos-lho ao carom. um dia descubrimos uma planta estranha agromando ao seu pé: a silbarbeira. e uns tempos depois, numa das nossas incursões no monte vizinho, demos com um triste e pequeneiro castanheiro abrindo-se caminho entre eucaliptos e pinheiros. decidimos que havia crescer melhor acarom do carvalho e uma tarde, uma panda de nenas e nenos surgimos da espessura custodiando ao meu irmão que puxava pola carretilha onde viajava à árvore rumo a um mundo novo.
hoje, carvalho, acivro, castanheiro e silbarbeira continuam a acompanhar as nossas vidas. estám grandes e frondosos. o pátio de grava virou jardim rebordante de árvores, que podem parecer velhas, mas nom tenhem mais de duas décadas. quando as minhas sobrinhas, hoje bebas, fagam os doze anos, e se incomodem com os avós porque nom as deixem sair ou jogar na play poderám fugir da casa, agatunhar árvores acima e ruminar a sua adolescência entre as folhas do carvalho.
e saberám o que nós ignoravamos: que esse carvalho nom foi um miragre mas o resto dum naufrágio: porque a casa-escola e toda a aldeia do fojo estám edificadas na que fóra a carvalheira do rei, pouco a pouco, em só cincuenta anos, tronçada e reduzida ao nada para erigir casas, cortes, eiras, alpendres e pistas.
a landra que abrolhou no pátio da casa-escola nom era outra cousa que a memória do lugar negando-se ao esquecemento.
-*-*-*-*-*-*-*-*-*-*
concentraçom parcelária
[fresca terra que me nasceu
a golpes de mar e areia
crescendo-me cara o céu
alçando-me forte e eterna.
seme de cem árvores som eu
carvalhos bidos azinheiras
é a saiva que o antes me deu
água mesta e mistureira.]
linhas rectas cara um horizonte desaparecido
quadrículas rachando a saba
o manto de vida que viviamos.
mapa traçado na terra
sobre rochas e folhas e tobos e poças
carta perfeita fingida
que borra as sombras e os minutos
os saltos e os descansos
as pegadas dos carros
os marcos as curvas os valos
a soidade de um caminho trabalhado a cada passo.
caminhos cruzados
iguais e sem pegadas
sem lombas que os distingam
sem valos que os separem
e pequenos
pequenos os montes que unem
míseras as àrvores que seguem
parvas as distâncias
sem sombra nem frescor.
som todos o mesmo nengum
e o caminho real? e aquele raposeiro?
e o de penide? currás? fogueteiro?
[ei! que os caminhos vieiros de agora som verdadeiros
que levam capa de rodadura
e grava e gravom e drenagem
sempre fojos
por vezes formigom]
sendas enormes
sem erva em que pousar
sem estalotes nos muros
sem silveiras nem silvas nem amoras:
lisura de terra seca
quadrívios sem história
idênticos nos limites na largura
na inutilidade.
linhas gêmeas com um só rumo
sem assento nem pausa
directas cara o nada.
memória habitada
tempo passado das avós
que contam de ti
carvalheira do rei
dona doutras idades
quando eras o fogar
a lareira a corte e o alpendre
e cresceches essa feira
dia de santos
cavalos gado e polbeiros
quando os moços mais garridos
temiam entrar-te
sem o sol do luar
espessura medonhenta.
velhinha que mirra e se desfaz
deixando de seres ti
para serdes vós
carvalhos carvalhotes
ergueitos com orgulho
e sozinhos
presidindo esta agonia
de lembranças sem porvir.
que farei eu agora?
que cantarei eu?
orfa de jogos e recordos
de lugares aquelados aos meus sonhos.
que vou fazer agora da minha infância
do meu futuro?
que vou amossar aos meus
orgulhosa
cheia de ter criado este universo
de ter-me criado nesta terra?
aonde levarei essas filhas que nom terei?
a que moínho se nom está?
a que fentos das cavernas?
a que casa encantada?
a que passado se mo arrassárom
com excavadoras
camions de cascalhos
e apissoadoras de progresso?
-*-*-*-*-*-*-*-*-*-*
sem perdom
pugem uma nogueira para os netos
eles hão comer das suas nozes
isso dixo meu avó num jantar de domingo
de quando en vez
nas brincadeiras horta fóra
surgia uma voz:
nenos, essa nogueira é vossa
seguiredes a comer nozes
quando eu já nom seja
e nós riavamos a toleria do velho
numa das últimas visitas
faltou verde por cima das telhas:
tia carme decidiu fazer lenha
ainda hoje nom lho perdoo
Publicado en Varios
Rodriguez Fraiz no CETMo
O pasado 20 de outubro, representantes do Cetmo e Verbo Xido tiveron a satisfacción de recibir varios tomos e un retrato do estudoso da Terra de Montes, Antonio Rodríguez Fraiz, que foron entregados en depósito pola sobriña do mesmo, dona Carmen Rodríguez Lois.
Aquí vos acompañamos dous enlaces onde poder consultar o seguimento do acto na prensa local:
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/2012/10/21/homenaje-rodriguez-fraiz-cetmo-forcarei/0003_201210D21C6996.htm
http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2012/10/21/rodriguez-fraiz-mora-cetmo/700075.html
Publicado en Varios
Declaración oficial do CETMo como Colección Visitable
Logo dunha dura teima, o Consello da Xunta ven de recoñecer ao CETMo a categoría de “colección visitable”.
ESTAMOS DE NORABOA.
GRACIÑAS POLA COLABORACIÓN DE MOITOS E MOITAS.
Aproveitando a boa nova, vos convidamos a visitar as renovadas instalacións do CETMo.
Publicado en Varios
Comunicado da Federación Ecoloxista Galega
Como seguramente xa coñecedes, o 24 de xullo comezou a recollida de sinaturas para que se debata no Parlamento galego a Iniciativa Lexislativa Popular para a Aplicación efectiva dos principios de redución, reutilización e reciclaxe de residuos en Galiza.
Esta iniciativa tén como un dos seus obxectivos sensibilizar á cidadanía sobre a necesidade da xestión sostible dos residuos e en contra da incineración.
Se algún de vós estivera interesado en colaborar na recollida de sinaturas e non tendes os pregos necesarios, facédenolo saber para enviárvolos. Indicádenos por favor o número de pregos que queredes xa que estos están numerados e a recollida debe ter unhas características determinadas para que sexa válida.
Temos de prazo 4 meses para a recollida das sinaturas.
Como idea vos propoñemos que nas festas que se celebran este mes de agosto vos animedes a por unha mesa informativa e de recollida de sinaturas.
Esperamos a vosa colaboración nesta importante campaña pola tres “R”.
Un cordial saúdo
FEG
Publicado en Varios
Contra a tala indiscriminada de carballos en Cerdedo
O vindeiro sábado 21, Verbo Xido organiza un acto EN DESAGRAVIO DOS CARBALLOS, na Carballeira de Meilide (Cerdedo).
A vosa asistencia é fundamental para:
* Arroupar a aquela veciñanza que, baixo as presións do Concello de Cerdedo, se nega a cortar ou mutilar o noso bosque autóctono, os nosos carballos centenarios.
* Que a Xunta tome conta da súa responsabilidade diante do abandono no que se atopa o noso monte e proceda, antes de que sexa tarde, a levar a cabo unha verdadeira prevención de incendios.
* Que, dunha vez por todas, os poderes públicos se decaten de que non somos súbditos dispostos a baixar a cabeza diante de calquera sen razón emanada de alcaldes erixidos en caciques de novo cuño.
Vos agardamos o sábado 21 ás 20 horas na Carballeira de Meilide.
Tamén vos agradecemos que enviedes esta convocatoria a todos os vosos contactos.
Acompañamos mapa para chegar á carballeira de Meilide:
Localización Meilide
Publicado en Varios