Arquivo da categoría: Varios

Declaración oficial do CETMo como Colección Visitable


Logo dunha dura teima, o Consello da Xunta ven de recoñecer ao CETMo a categoría de “colección visitable”.
ESTAMOS DE NORABOA.
GRACIÑAS POLA COLABORACIÓN DE MOITOS E MOITAS.
Aproveitando a boa nova, vos convidamos a visitar as renovadas instalacións do CETMo.

Advertisements

Comunicado da Federación Ecoloxista Galega

Como seguramente xa coñecedes, o 24 de xullo comezou a recollida de sinaturas para que se debata no Parlamento galego a Iniciativa Lexislativa Popular para a Aplicación efectiva dos principios de redución, reutilización e reciclaxe de residuos en Galiza.
Esta iniciativa tén como un dos seus obxectivos sensibilizar á cidadanía sobre a necesidade da xestión sostible dos residuos e en contra da incineración.

Se algún de vós estivera interesado en colaborar na recollida de sinaturas e non tendes os pregos necesarios, facédenolo saber para enviárvolos. Indicádenos por favor o número de pregos que queredes xa que estos están numerados e a recollida debe ter unhas características determinadas para que sexa válida.
Temos de prazo 4 meses para a recollida das sinaturas.
Como idea vos propoñemos que nas festas que se celebran este mes de agosto vos animedes a por unha mesa informativa e de recollida de sinaturas.
Esperamos a vosa colaboración nesta importante campaña pola tres “R”.
Un cordial saúdo

FEG

Contra a tala indiscriminada de carballos en Cerdedo


O vindeiro sábado 21, Verbo Xido organiza un acto EN DESAGRAVIO DOS CARBALLOS, na Carballeira de Meilide (Cerdedo).

A vosa asistencia é fundamental para:

* Arroupar a aquela veciñanza que, baixo as presións do Concello de Cerdedo, se nega a cortar ou mutilar o noso bosque autóctono, os nosos carballos centenarios.

* Que a Xunta tome conta da súa responsabilidade diante do abandono no que se atopa o noso monte e proceda, antes de que sexa tarde, a levar a cabo unha verdadeira prevención de incendios.

* Que, dunha vez por todas, os poderes públicos se decaten de que non somos súbditos dispostos a baixar a cabeza diante de calquera sen razón emanada de alcaldes erixidos en caciques de novo cuño.

Vos agardamos o sábado 21 ás 20 horas na Carballeira de Meilide.
Tamén vos agradecemos que enviedes esta convocatoria a todos os vosos contactos.
Acompañamos mapa para chegar á carballeira de Meilide:
Localización Meilide

Memoria Histórica en San Simón

Compañeiros e compañeiras:
Vos animamos a que visitedes o 15 de xullo a Illa de San Simón, para asistir como todos os anos á homenaxe na honra das vítimas do franquismo no noso país. Non tendes máis que apuntarvos a través do noso correo. Hai 10 prazas ao noso dispór.
Saúdos.

Petición ao Concello de Cerdedo para homenaxear aos Monteagudo.

AO PLENO DA CORPORACIÓN DO CONCELLO DE CERDEDO
.- Exposición de motivos:
Dende hai ben tempo, as investigacións do lembrado D. Antonio Rodríguez Fraiz, desvelaron a importancia senlleira nos séculos XVII e XVIII dunha saga de arquitectos e mestres canteiros, os Monteagudo, orixinarios de Castro Domedio e con casa matriz no rueiro da Caramoniña (ver sucinta biografía no ANEXO). Outro aprezado veciño de Castro Domedio, D. Manuel Monteagudo Ruzo, lembrou as súas figuras nalgúns dos seus artigos e colaboracións xornalísticas, nas que alentou ao Concello para que procedese a honrar a súa traxectoria mediante algún tipo de recoñecemento formal.

En consecuencia, uníndose a voces tan autorizadas e queridas no noso Concello, a Asociación Ecoloxista e Cultural da Terra de Montes “Verbo Xido”, SOLICITA:
– A colocación dunha placa conmemorativa das figuras de Pedro de Monteagudo Piñeiro e Taboada e dos seus fillos Pedro, Antonio e Francisco Monteagudo e Feixoo, nun lugar destacado de Castro Domedio a determinar pola Corporación.
– A realización na “Casa da Sociedade” de Castro Domedio dun acto de carácter informativo, para que a veciñanza do lugar e do Concello en xeral valore en maior medida a relevancia da aportación de todos eles ás artes e á cultura propia do noso país.
Cerdedo, 7 de Maio de 2012

ANEXO

Pedro de Monteagudo Piñeiro e Taboada, nado en Castro Domedio, Santa Baia de Castro (Cerdedo) contra o ano de 1633 e finado en 1700, foi un reputado arquitecto figura da arte barroca. Era fillo do mestre canteiro Pedro de Monteagudo, tamén orixinario de Castro Domedio, e de Dominga de Piñeiro .
Traxectoria
Pedro de Monteagudo construiría algunhas das obras máis relevantes do barroco galego, como son as fachadas dos templos dos mosteiros de San Xoán de Poio e Sobrado dos Monxes. Da súa valía é mostra que fose nomeado “Maestro Mayor de todas las Obras, Castillos y Fortalezas de puertos marítimos” do Reino de Galicia.
Iniciado no oficio polo seu propio pai, comezou traballando no Mosteiro de Oseira, onde será citado como mestre arquitecto, un lugar no que mesmo se aveciñou coa súa esposa, dada a duración das obras. A el se lle atribúen as fachadas exteriores do mosteiro, o claustro dos medallóns, pináculos, monumental escada, a bóveda do coro, etc.
Arredor de 1665, Monteagudo debeu ser contratado para as obras que se viñan realizando no Mosteiro de Santa María de Sobrado, a súa obra cimeira. En 1676, rematou a portada occidental do seu templo, e tres anos máis tarde as torres que a flanquean. Entre 1689 e 1692, constrúe a capela da Virxe do Rosario, na ala setentrional do cruceiro, que está considerada a súa obra mestra. Na fachada da igrexa, o autor asina a súa obra (sitúase no frontón por riba da imaxe da Virxe). Este dato é de grande importancia, xa que por primeira vez na idade moderna en Galicia un arquitecto asina a súa obra. Ninguén desde que o fixera o Mestre Mateo na Catedral de Santiago, reivindicara de tal xeito a súa obra.
Foi pioneiro de facturas e formas que caracterizarían ao barroco galego cun sentido de solidez e elevación incomparables, tal e como se pode admirar na fachada da igrexa de Sobrado.
Porén algúns anos antes, en xaneiro de 1691, Monteagudo, logo da poxa aberta correspondente que gaña, pecha o contrato para erguer no prazo de un ano, consonte planos que o Abade lle presenta, a fachada principal da igrexa do mosteiro de San Xoán de Poio. O Abade de Poio, Pedro Otero, encargoulle polo tanto a fachada do templo do Mosteiro e pese a que seguiu unha traza discreta, Monteagudo non deixou de mudar algúns detalles.
Despois, no ano de 1696, Monteagudo debeu coller as obras da igrexa de Santa Baia de Arealonga, en Vilagarcía de Arousa, que non chegaría a concluír por falecemento a principios de marzo do ano 1700. Foi pai dos tamén arquitectos Pedro, Antonio e Francisco Monteagudo e Feixoo, que deixaron obras importantes en distintos lugares de Galicia.
FONTES:
• Rodríguez Fraiz, Antonio, Canteiros e artistas de Terra de Montes e Ribeiras do Lérez. Pontevedra, 1982.
• Rodríguez Fraiz, Antonio, Pedro de Monteagudo e outros canteiros de Terra de Montes e a súa obra nos mosteiros galegos, in Boletín Auriense, Anexo 6. Ourense, 1986, páxs.153-168
• Tilve Jar, Mª de los Ángeles, El arquitecto Pedro de Monteagudo en la iglesia de Santa Baia de Arealonga (Vilagarcía de Arousa), in El Museo de Pontevedra, nº 44. Pontevedra, 1990, páxs. 431-453

Grazas a todos !!!!!


A 3ª Ruada de Terra de Montes organizada pola asociación Verbo Xido en beneficio do Centro Etnográfico de Terra de Montes, situado en Soutelo, celebrouse con gran afluencia de veciños e veciñas da bisbarra(algo máis de 200 persoas) como estaba previsto no bar avenida de Soutelo de Montes.
Esta 3ª Ruada comezou pasadas as 21h. e prolongouse ata as 3h. da madrugada. Actuaron os grupos que estaban previstos agás Os Trazantes de Tenorio por problemas de última hora.
Os músicos e pandereteiras compartiron actuacións e bos vasos de viño xunto con empanada e bocadillos ao longo destas horas para recuperar os folgos.

A 3ª Ruada de Terra de Montes manifestou a súa solidariedade coa plataforma “Incineradora no Irixo Non” que tamén estaba onte a celebrar un acto reivindicativo e musical.
Achego algunha foto do acto dos grupos: Os abrentes de Cerdedo, As pandereteiras de Quireza, Árdelle o eixo de Miudal, Flor de toxo de Avión e Os serandeiro de Boborás respectivamente.
Un saúdo e grazas pola vosa colaboración.

III Ruada de Terra de Montes


A Asociación Ecoloxista e Cultural Verbo Xido organiza unha ruada o vindeiro Sábado 14 de Abril as partires das 21:00 horas no Salón Avenida de Soutelo de Montes.
Contaremos coa compaña (entre outros) de Os Abrentes de Cerdedo, Pandereteiras de Quireza, Trazantes de Tenorio, Árdelle o Eixo de Amiudal e Os Serandeiros de Boborás.
Venderase viño, empanada e bocatas para recadar fondos para o Centro Etnográfico de Terra de Montes.
Durante as horas previas á Ruada estará aberto ao público o Centmo con visitas guiadas a fin de que poidades coñecer o novo estado do edificio e a colección tras as obras e reordenación museística levadas a cabo.
Contamos contigo.