De novo coas cunetas a voltas

Dende a Asociación Verbo Xido emitimos esta nota de prensa para informar da preocupación por parte dos veciños e veciñas do Concello de Cerdedo e da nosa propia, por mor de dous problemas ambientais moi concretos:

– Por unha banda, a crecente acumulación de restos orgánicos e broza mesturados con terras, que perduran acumulados nas gabias das estradas e pistas de carácter municipal. Producto isto, das cortas indiscriminadas promulgadas polo bando emitido en febreiro do ano pasado dende o Concello, que obrigaba a talar ou derramar todo o arborado existente a dous metros dos taludes dos viais. Problema este, xa adiantado por Verbo Xido e xerador da conseguinte inseguridade vial, a mais de se converter no substrato ideal para crecemento de maleza pirófuga, conseguindo así o efecto contrario ó perseguido por dito bando, a prevención de incendios na época estival.
Xa feito o dano, será ben recibido un novo edicto municipal que obrigue a recoller ou triturar a ramallada.
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
– Temos recollido, así mesmo, queixas pola recente fumigación nas estradas do Concello, levada a cabo por operarios municipais. Así, na parroquia de San Martiño, por exemplo, moito nos tememos que non se respetaron os límites legais para o uso de herbicidas ao carón das terras de cultivo, presas de auga e canalizacións de regadío. Isto constitúe un perigo directo para a saúde da veciñanza, mailo seu gando e as colleitas. Ademais, as continuas chuvieiras que estamos a soportar, contribúen a filtrar máis aínda e a estender o dano dos pesticidas na terra.
Se o Concello quere participar nunha xornada de limpeza manual das gabias xunto coa nosa asociación e as comunidades de veciños, será moi ben recibido.

Agradecemos coma sempre a difusión desta nota e por suposto estamos ao voso dispór para calquera aclaración.

Un atento saúdo;

Valentín García, presidente da Asociación Ecoloxista e Cultural da Terra de Montes “Verbo Xido”.

Advertisements

Nova afrenta á memoria dos asasinados en Cerdedo no 36

A memoria de Francisco Arca e Secundino Bugallo aínda molesta máis de setenta anos despois de seren asasinados.

O  pequeno monumento colocado pola Asociación Cultural e Ecoloxista de Terra de Montes “Verbo Xido” de Cerdedo sofriu un novo atentado no que lle foi arrincada a placa cos seus nomes. E é o cuarto.

100_1275“Francisco Arca Valiñas. Secundino Bugallo Iglesias. Ponte do Barco. 13 de agosto de 1936. Morreron pola liberdade”. A placa, situada nun pequeño monolito no lugar de Pedre lembra, por vontade popular, aos dous cerdedenses asesinados pola barbarie falanxista no lugar. O monumento foi violentado por cuarta vez desde que se colocara en agosto de 2006, séndolle retirada a placa na que se mostra o nome dos dous vecinos asesinados.

O novo atentado contra a memoria foi descuberto cando dúas persoas se achegaron á Ponte do Barco cun ramo de frores para honrar ás dúas vítimas do fascismo.

Denunciamos unha vez máis a agresióncon asañamento e reincidencia a unha parte do noso patrimonio cultural colectivo como é a memoria histórica de Cerdedo.Pero por máis que tenten borrar a súa memoria, desde Verbo Xido non esqueceremos aos camaradas Arca e Bugallo.

O novo atentado contra a memoria foi descuberto cando dúas persoas se achegaron á Ponte do Barco cun ramo de frores para honrar ás dúas vítimas do fascismo.

Denunciamos unha vez máis a agresióncon asañamento e reincidencia a unha parte do noso patrimonio cultural colectivo como é a memoria histórica de Cerdedo. Pero por máis que tenten borrar a súa memoria, desde Verbo Xido non esqueceremos aos camaradas Arca e Bugallo.

Roxelio

Xornada de roteiros en Terra de Montes

O pasado sábado 6 de Abril, tivo lugar un roteiro por Terra de Montes promovido polo Concello de Pontevedra coa colaboración de Verbo Xido.

O roteiro percorreu varios puntos dos concellos de Forcarei e Cerdedo en sesión de mañán e tarde tras concentrarse no Mosteiro de Aciveiro desde onde se iniciou o percorrido cara ás fontes do Lérez e a Ponte Andón.

Ponte Santo Antón
Posteriormente, visitouse o Centro Etnográfico de Terra de Montes na vila de Soutelo de Montes antes dun xantar de confraternidade con especialidades da bisbarra.

CetmoXa de tarde e coas forzas repostas, voltóuse á caminata iniciando un percorrido desde a parroquial de Cerdedo pola calzada romano-medieval da Torrente e a ponte románica sobre o Río Castro ata a Hermida de Santo Antón.
Tras este breve paseo, percorremos un último roteiro dende O Serrapio a través da Ponte medieval de Pedre, a onde chegamos tras subir polo camiño enlousado que conduce ata alí dende a famosa ponte.Grupo

Acta da asemblea anual de Verbo Xido

O pasado mes de febreiro tivo lugar en Cerdedo a Asemblea Anual da Asociación Verbo Xido onde entre outros asuntos tratáronse os seguintes:

Aprobación das actividades a realizar durante o ano 2013 que serán:

–         Continuar pertencendo á Federación Ecoloxista Galega FEG

–         Continuar colaborando no “Proxecto Ríos” e “Charcas con Vida” con ADEGA

–         Continuar en contacto coa rede creada por diversos colectivos contra diversos proxectos de explotacións mineiras por toda Galicia.

–         Continuar traballando en común con aqueles colectivos en loita contra a instalación de novos parques eólicos, entre eles en Xiraga (Beariz) onde se teñen presentado alegacións.

–         Continuar realizando actividades e colaborando coas propostas de Iniciativa Galega pola Memoria.

–         Realización da homenaxe en Pedre o día 13 de agosto ás vítimas da represión franquista na Terra de Montes.

–         Realización dun acto informativo en Presqueiras sobre as consecuencias da apertura da explotación mineira que está en estudo.

–         Realización de diversas actividades para conmemorar en Castro (Cerdedo) o 25 aniversario do pasamento de Xosé Otero Espasandín como un Roteiro a Castrodiz ou un acto literario-musical sobre a súa vida e a súa obra.

–         Realización dun Roteiro ao Monte Pindo en colaboración coa asociación “Monte Pindo Parque Natural”.

–         Realización do II Roteiro das Minas de Presqueiras a Xirazga.

–         Realización de actividades en Soutelo de Montes con motivo do 150 aniversario de Cantares Galegos de Rosalía de Castro.

–         Realizar un seguimento á corta de especies autóctonas no concello de Cerdedo.

 2º Envío dun escrito á Sra. Alcaldesa do concello de Forcarei manifestando o noso malestar pola supresión da axuda que en anos anteriores viña recibindo a nosa asociación para o funcionamento do CETMo; sabendo que foron concedidas sen embargo algunhas axudas a outros colectivos cos mesmos ou menos méritos que o CETMo.

Renovación da Xunta Directiva da asociación:

Por finalizar o periodo de nomeamento da actual Xunta Directiva despois de catro anos, como está recollido no artigo 17 dos  Estatutos da asociación, e non tendo intención de continuar algún dos seus membros, como é o caso da actual Presidenta, Lola Varela,  procédese a nomear a unha nova Xunta Directiva por un periodo de catro anos, cos seguintes cargos:

Presidente: Valentín García Bóveda

Secretaria: Monserrat Fernández Arén

Tesoreiro: Isidro Peleteiro García

Vogal 1: Roberto Vázquez Blanco

Vogal 2: Alexandre Martínez Pérez

En Cerdedo, a 17 de febreiro de 2013

Serán polas nosas árbores autóctonas

Un momento da festa

Un momento da festa

O pasado venres 14 de decembro, nunha noite de treboada infernal, Verbo Xido conseguíu convocar un xeitoso grupo de persoas no Serán polas nosas árbores autóctonas. Ata cerca da media noite houbo boa festa no Bar-Restaurante O Meu Lar grazas á colaboración da escritora Susana Sánchez Aríns, natural de O Foxo ( A Estrada) que leu textos e poemas escritos para a ocasión, e á música e baile do grupo A Trepia e As pandereteiras de O Seixido.

Pandereteiras de O Seixido

Pandereteiras de O Seixido

Proxectouse un audiovisual sobre a loita que ven levando Verbo Xido desde o pasado mes de febreiro pola defensa das nosas árbores autóctonas.

Velaquí tendes algúns dos textos lidos esa noite por Susana:

o carvalho do fojo

 no pátio da casa-escola nasceu um carvalho. foi miragreiro.

as mestras do fojo pediram um arranjo do pátio, porque a meninhada brincava nas poças quando a chúvia e na poeira quando o sol. o concelho encheu o pátio de grava. ademais, em cada recreo, uma turva de mais de corenta crianças (eram tempos em que as aldeias tinham crianças) irrompia no pátio feita marabunta.

e aí, no ermo de um pátio de grava esmagado por pés de meninhos corredores, nasceu um carvalho.

para nós foi tam miragreiro que nos lembro indo junto minha mãe anunciando a boa nova. como se em vez de carvalho nascera um cristinho. tinha que ter nascido dalgum espírito santo, porque na volta nom havia nengum carvalho grande que pudera fazer de pai, tam sequer putativo.

daquela, o rebento virou o nosso protegido. nom deixavamos a ninguém tocá-lo. se vinham dias de seca, regavamo-lo, arrincavamos as ervas para que colhera o sol… e aprendemos que isso de que as árvores galegas crescem lentas era uma mentira enorme. porque viamos a árvore crescer.

anos depois, nos nossos doze anos de tardes de verão enternas jogando ás escondidas, o agocho preferido era tombar-nos no chão por trás dum carvalhote que já nos chegava pola cintura. um carvalhote que saiu especial, pois deu em botar dous galhos e apontar ao céu em duas direcçons.

para que nom se sentisse sozinho nesse ermo de pátio de escola, roubamos no monte um acrivro e plantamos-lho ao carom. um dia descubrimos uma planta estranha agromando ao seu pé: a silbarbeira. e uns tempos depois, numa das nossas incursões no monte vizinho, demos com um triste e pequeneiro castanheiro abrindo-se caminho entre eucaliptos e pinheiros. decidimos que havia crescer melhor acarom do carvalho e uma tarde, uma panda de nenas e nenos surgimos da espessura custodiando ao meu irmão que puxava pola carretilha onde viajava à árvore rumo a um mundo novo.

hoje, carvalho, acivro, castanheiro e silbarbeira continuam a acompanhar as nossas vidas. estám grandes e frondosos. o pátio de grava virou jardim rebordante de árvores, que podem parecer velhas, mas nom tenhem mais de duas décadas. quando as minhas sobrinhas, hoje bebas, fagam os doze anos, e se incomodem com os avós porque nom as deixem sair ou jogar na play poderám fugir da casa, agatunhar árvores acima e ruminar a sua adolescência entre as folhas do carvalho.

e saberám o que nós ignoravamos: que esse carvalho nom foi um miragre mas o resto dum naufrágio: porque a casa-escola e toda a aldeia do fojo estám edificadas na que fóra a carvalheira do rei, pouco a pouco, em só cincuenta anos, tronçada e reduzida ao nada para erigir casas, cortes, eiras, alpendres e pistas.

a landra que abrolhou no pátio da casa-escola nom era outra cousa que a memória do lugar negando-se ao esquecemento.

-*-*-*-*-*-*-*-*-*-*

concentraçom parcelária

 [fresca terra que me nasceu

          a golpes de mar e areia

crescendo-me cara o céu

alçando-me forte e eterna.

seme de cem árvores som eu

carvalhos bidos azinheiras

é a saiva que o antes me deu

água mesta e mistureira.]

linhas rectas cara um horizonte desaparecido

quadrículas rachando a saba

o manto de vida que viviamos.

mapa traçado na terra

sobre rochas e folhas e tobos e poças

carta perfeita  fingida

que borra as sombras e os minutos

os saltos e os descansos

as pegadas dos carros

os marcos as curvas os valos

a soidade de um caminho trabalhado a cada passo.

caminhos cruzados

iguais e sem pegadas

sem lombas que os distingam

sem valos que os separem

e pequenos

pequenos os montes que unem

míseras as àrvores que seguem

parvas as distâncias

sem sombra nem frescor.

som todos o mesmo nengum

e o caminho real? e aquele raposeiro?

e o de penide? currás? fogueteiro?

[ei! que os caminhos vieiros de agora som verdadeiros

que levam capa de rodadura

e grava e gravom e drenagem

sempre fojos

por vezes formigom]

sendas enormes

sem erva em que pousar

sem estalotes nos muros

sem silveiras nem silvas nem amoras:

lisura de terra seca

quadrívios sem história

idênticos nos limites   na largura

na inutilidade.

linhas gêmeas com um só rumo

sem assento nem pausa

directas cara o nada.

memória habitada

tempo passado das avós

que contam de ti

carvalheira do rei

dona doutras idades

quando eras o fogar

a lareira a corte e o alpendre

e cresceches essa feira

dia de santos

cavalos gado e polbeiros

quando os moços mais garridos

temiam entrar-te

sem o sol do luar

espessura medonhenta.

velhinha que mirra e se desfaz

deixando de seres ti

para serdes vós

carvalhos carvalhotes

ergueitos com orgulho

e sozinhos

presidindo esta agonia

de lembranças sem porvir.

que farei eu agora?

que cantarei eu?

orfa de jogos e recordos

de lugares aquelados aos meus sonhos.

que vou fazer agora da minha infância

do meu futuro?

que vou amossar aos meus

orgulhosa

cheia de ter criado este universo

de ter-me criado nesta terra?

aonde levarei essas filhas que nom terei?

a que moínho se nom está?

a que fentos das cavernas?

a que casa encantada?

a que passado se mo arrassárom

com excavadoras

camions de cascalhos

e apissoadoras de progresso?

-*-*-*-*-*-*-*-*-*-*

sem perdom

pugem uma nogueira para os netos
eles hão comer das suas nozes

isso dixo meu avó num jantar de domingo

de quando en vez
nas brincadeiras horta fóra
surgia uma voz:

nenos, essa nogueira é vossa
seguiredes a comer nozes
quando eu já nom seja

e nós riavamos a toleria do velho

numa das últimas visitas
faltou verde por cima das telhas:
tia carme decidiu fazer lenha

ainda hoje nom lho perdoo

REQUIEM POLOS CARBALLOS DO REGUEIRO

No pasado verán, houbo ocasión de aproveitar en boa compaña uns poucos días de vacacións para coñecer unha migalla o Mediodía francés, país que ten a súa belida paisaxe como senlleiro sinal de identidade. Nas proximidades de Carcassonne enfilamos unha pequena estrada departamental, a D118, que achega a veciñanza da localidade de Limoux á vella cidade occitana. O vial, nin ancho nin estreito, con firme en bo estado e perfectamente sinalizado para o tráfico local, transcorre flanqueado a ambos lados por unha incesante sucesión de plátanos case centenarios, que conforman unha bóveda protectora do sol e das xeadas en todo o trazado e alumean unha estética amable e acolledora naquela feiticeira estrada rural.
É sabido que a paisaxe é unha cousa e a natureza, outra. Aquela, ven sendo unha construción cultural, baseada na interacción entre o medio e as percepcións dos individuos que, cando se comparte colectivamente, permite estabelecer un certo emblema identitario común. Circulando baixo semellante “ceo protector” durante máis de 15 kilómetros, albiscamos que aquela era unha paisaxe pensada, ata tal punto que os urbanistas consideraron necesario que o vieiro en cuestión penetrara no tecido urbano de Carcassonne, sen perder as características que o definían, árbores incluídas; era, de certo, unha paisaxe construída que procuraba asimilar aquela sinxela vía de comunicación cunha nobre, protectora e singular idiosincrasia.
Nos últimos días da semana pasada, a Comunidade de Montes de Figueroa (Cerdedo) acordou a curta dos carballos do Regueiro cun dos madeireiros que andan a traballar na parroquia cerdedense de San Martiño: dito e feito, dous camións de carballos de todos os tamaños, incluído algún centenario, saíron dalí. Antes, aberta a veda polo Edicto da Alcaldía de Cerdedo emitido o 23 de febreiro pasado disque para velar pola seguridade vial no Concello e que obriga á curta ou derrama de todas as árbores (autóctonas ou non) chantadas ou cuxa copa estea a menos de 2 metros do noiro das pistas, xa caeran carballos cumpridos en lugares como Limeres, Barro, Vilar, no Serrapio, … E case houbo unha desfeita en Meilide, ata que a Comunidade de Montes parou a barbarie medioambiental e paisaxística. Iso é o que, se non lle plantamos cara, nos agarda en diante: o susodito Edicto da Alcaldía e os Bandos que viñeron despois, incentivarán a política de “todo vale” non só no espazo delimitado no Edicto, senón en toda a superficie das veigas nas que se pretenda facer limpeza. Entre outras cousas, por que nin aos madeireiros nin aos particulares obrigados a “limpar”, lles compensa cortar só os famosos 2 metros e tampouco derramar os carballos: estes, é máis barato, máis rápido e máis seguro, cortalos polo pé, aínda que os paguen a prezos de miseria. Tampouco a Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, da que dependen os Axentes Forestais e ten a obriga de protexer o bosque autóctono, está nin se lle agarda….

Durante o traxecto entre Cerdedo e o Sur de Francia, houbo múltiples ocasións de comentar o carácter pioneiro do noso orixinal Alcalde do PP, Sr. Balseiros, porque a ninguén parece molestarlle nin as follas na superficie das estradas, nin a sombra que deitan plátanos e frondosas, nin moito menos a presenza destas especies nas beiras dos camiños. “Cerdedo is different”, aquí e acolá, mercé ao severo paternalismo do rexedor, que trata aos seus conveciños como se foran rapaces aos que compre protexer de perigos que só a eles asexan: nunha estrada local, os accidentes se prevén incentivando a prudencia dos usuarios e usuarias, mais tamén coa procura do bo estado dos firmes e dunha sinalización axeitada, contando así mesmo coa periódica limpeza do mato que inza máis veces das desexables as gabias. Nunca coa curta de carballos, bidos e castiñeiros, que impiden que medre ese mesmo mato, que protexen das xeadas en inverno e do calor no verán, e que constitúen un elemento indispensable desa paisaxe construída polos nosos antergos ao longo do tempo; unha paisaxe, que nos identifica a todos e a todas con estas terras.
Sabemos, en definitiva, o que pretendían os que pensaron a paisaxe occitana; lendo a Otero Pedraio, enxergamos tamén o sentir dos devanceiros respecto da nosa vizosa paisaxe de montaña. Mais, que pretenden, cales son as razóns de fondo dos destrutores da paisaxe, Sr. Alcalde de Cerdedo?
Lola Varela
Presidenta da Asociación Ecoloxista e Cultural da Terra de Montes “Verbo Xido”

A tala indiscriminada segue en Cerdedo

Amigos e amigas de Verbo Xido:
En pouco máis dunha semana os apoios recibidos a prol da defensa das árbores autóctonas no concello de Cerdedo, a través das sinaturas en charge.org, están perto dos 450.
A iniciativa, foi un éxito completo e representa un valioso instrumento para continuar resistindo a sen razón.
Non obstante, a día de hoxe continúan as curtas de especies autóctonas en varios lugares do concello como Vilar, Serrapio ou Barro, realizadas por particulares pero amparadas no Bando do Sr.Alcalde emitido en febreiro deste ano. No Concello neste intre están a traballar varios madeireiros que, aproveitando a ocasión, ofertan uns prezos irrisorios aos particulares. Eles (se cadra alguén máis?), son os principais beneficiados do demencial proceso iniciado dende o Concello.

Estado dunha parcela de eucaliptus e carballos logo dunha curta a “matarrasa”.

Á desaparición de exemplares da floresta da zona, hai que engadir o atentado que se está a producir no noso patrimonio paisaxístico e medioambiental, como se pode comprobar nas fotos que achegamos ou dando unha volta por diferentes lugares cerdedenses.
De novo, agradecemos a solidariedade recibida, facemos un chamamento á responsabilidade por parte do Concello e solicitamos o voso apoio.

Partida de varias decenas de carballos de distintos tamaños amoreada tras a curta na parcela anterior