A “deforestación” de Cerdedo continúa

A asociación ecoloxista e cultural de Terra de Montes Verbo Xido quere denunciar ante a opinión pública a corta indiscriminada de especies autóctonas que se está a producir estes días no concello de Cerdedo, máximo responsable deste ataque paisaxístico e medioambiental contra o noso patrimonio.

Desde hai meses esta asociación denunciou reiteradamente a mala e sesgada interpretación do Sr. Alcalde de Cerdedo da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia, que pode desembocar na perda de varios centos de especies autóctonas que debemos protexer; como está a acontecer no día de hoxe na parroquia de Vilar de Figueroa, onde a 2 m. ou algo máis das estradas estáse a facer unha intervención do máis agresiva, levando por diante todas as especies que atopan. Só nesta parroquia poden desaparecer unhas 100 árbores algunhas delas de certo porte e antigüedade.

Dado que a actual Administración permite estas actuacións, declinamos interpoñer denuncias ante ela, conscientes de que non velará pola defensa do noso patrimonio natural e cultural.
Acompañamos máis abaixo un enlace onde se recollen firmas contra esta desfeita en change.org. Cada vez que alguén a firma, chega un e-mail de queixa ao concello de cerdedo.
Velaqui o enlace:
http://www.change.org/es/peticiones/concello-de-cerdedo-cese-da-tala-indiscriminada-de-especies-aut%C3%B3ctonas#share

Advertisements

Rodriguez Fraiz no CETMo

O pasado 20 de outubro, representantes do Cetmo e Verbo Xido tiveron a satisfacción de recibir varios tomos e un retrato do estudoso da Terra de Montes, Antonio Rodríguez Fraiz, que foron entregados en depósito pola sobriña do mesmo, dona Carmen Rodríguez Lois.
Aquí vos acompañamos dous enlaces onde poder consultar o seguimento do acto na prensa local:
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/2012/10/21/homenaje-rodriguez-fraiz-cetmo-forcarei/0003_201210D21C6996.htm
http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2012/10/21/rodriguez-fraiz-mora-cetmo/700075.html

Proxecto Ríos

Unha instantánea da limpeza do Lérez[/caption]O colectivo de Terra de Montes Verbo Xido participou o pasado domingo 30 de setembro no Proxecto Ríos limpando 2 kms do río Lérez ao seu paso por Cerdedo, entre a ponte Baloutas e Figueroa.
Divididos en varios grupos recorrimos o río e poidemos observar o bo estado de conservación do mesmo; de todos modos recollimos algo máis de 30 kg de lixo, fundamentalmente plásticos: é de salientar o perigo que supón os vellos aramios dos peches das veigas lindantes cos ríos e abandonados no lugar.

Tamén queremos comentar o abandono do patrimonio cultural que supón a cantidade de muiños sen ningún tipo de conservación (e algún xa caído), ao longo do percorrido.

Sendeirismo na Terra de Montes. Dous concellos / Dúas provincias


O pasado sábado 29 de setembro, máis de 40 persoas disfrutaron co Roteiro organizado pola asociación polos lugares de Ricovanca, Ratel, Cernadelo, Framia e Xirarga. Entre dous concellos, o de Forcarei e Beariz e entre dúas provincias, a de Ourense e Pontevedra.
Comezamos ás 10 horas na capela de Sto. Domingo en Xirarga e rematamos no mesmo lugar ás 14 horas para xantar.
Nas minas de Wolframio
Visitamos muiños restaurados, atravesamos pontes románicas, coñecimos o paso dos ríos Lérez, Verdugo e Avia, disfrutamos da arquitectura popular e tradicional e comprobamos tamén a desfeita dun petroglifo cun poste de telefonía móbil chantado enriba, en Outeiro Grande, no monte de Framia.

Declaración oficial do CETMo como Colección Visitable


Logo dunha dura teima, o Consello da Xunta ven de recoñecer ao CETMo a categoría de “colección visitable”.
ESTAMOS DE NORABOA.
GRACIÑAS POLA COLABORACIÓN DE MOITOS E MOITAS.
Aproveitando a boa nova, vos convidamos a visitar as renovadas instalacións do CETMo.

ANTONIO RODRÍGUEZ FRAIZ E A MEMORIA DOS VENCIDOS NA TERRA DE MONTES

Eliseo naceu en Serrapio hai 83 anos….Da Guerra Civil so recorda -pero moi ben- o ruído dos tiros a primeira hora da mañá e que deixaban esquecidos nas cunetas a varios rapaces. Ao rematar os tiros, tamén, como agora, o silencio reinaba en Serrapio” (“Quen se agocha na empedrada aldea de Serrapio”, Lorena J. Barral, Diario de Pontevedra, 27/5/2012)
Na outra beira do Lérez, na Ponte do Barco, “cuneteados” polos falanxistas ficaron naquel abrente do 13 de agosto de 1936, os canteiros de Figueiroa Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias, ambos da CNT. E ficaron tamén por tempo, o medo e o silencio.
A brutal represión que padeceu Terra de Montes tras o golpe militar de 1936, represión que, segundo as nosas pescudas, sumou ata 1953 cando menos 41 mortos e outros 254 veciños e veciñas obxecto de distintas represalias, aos que deberíamos engadir 35 mozos falecidos loitando no Exército da República, levou de seu o escarmento xeral e a reserva a transmitir ás xeracións vindeiras non só o acontecido naqueles días de ferro, mais tamén as lembranzas da farturenta historia dos movementos agrarios e obreiros nesta bisbarra, cuxo devalar foi moi anterior á etapa republicana.
Agás ocasións especiais, nas que a carón da lareira o silencio rachaba só en presenza de familiares ou xente de fiar, o eco daqueles disparos imperou por décadas e moita xente nova a penas albiscou a implicación dos seus achegados nas remotas axitacións sociais e, sobre todo, o arrepiante andazo que carrexou o franquismo: morte, cadea, exilio, fame e miseria, emigración forzada, humillacións, marxinacións, abusos ás mulleres, expulsións dos traballos…., foron, daquela, pan de cada día para os vencidos.

Retrato de Antonio Rodríguez Fraiz pintado polo pintor madrileño
Manuel Alcorlo a fins dos anos 70

O silencio público crebouno, de xeito paradoxal, unha persoa benquerida que, se ben exerceu cargos na Igrexa dos vencedores (foi Consiliario de Acción Católica durante a contenda), mudou logo radicalmente de visión: referímonos ao sacerdote Antonio Rodríguez Fraiz (1912, Tomonde/Cerdedo-1995, Pontevedra), cuxo centenario nacemento conmemoraremos en novembro deste ano. Logo de coñecer a dor da humanidade vencida nas súas primeiras parroquias (Moaña, en plena guerra; Lucí/Teo e Cervás/Ferrol, despois), o que anos andados será Cronista da Terra de Montes publicará mediada a década dos 70, cando Franco aínda vivía e ninguén fixera tal, unhas rexas entradas na “Gran Enciclopedia Gallega” nas que dará conta do vello agrarismo na Terra de Montes mediante as semblanzas dalgunhas das súas figuras máis destacadas (os forcareicenses Alfredo Iglesias ou os irmáns Dionisio e Narciso Quintillán), engadindo asemade algunha información das represalias franquistas e mesmo de certos vitimarios, caso do garda civil Desiderio Carbajo. Logo, nos seus últimos libros Fraiz se referirá sen limitacións ao propio Iglesias, a Antón Alonso Ríos (o Sinhor Afranio), ou ao derradeiro alcalde de Cerdedo na República, Luciano García Ventín, cultivado e habelencioso ebanista natural da Feira de Fondós, de quen conta que “sofreu moitas persecucións e aldraxes”. Da parroquia natal de Tomonde, relatou Fraiz as penalidades do mestre José Carballo Quintillán, do “buxa” e curmán seu José Rodríguez Quintillán“…e case todos os demais homes maltratados fisicamente polos falanxistas arroupados polos Gardas Civís, destacándose pola barbarie, sadismo e criminosidade o garda civil Desiderio do Cuartel de Forcarei, facendo decote redadas de homes para torturalos no cuartel da devandita vila e logo remésalos (sic) encadeados ao Lazareto de San Simón…”.

Luciano García Ventín, derradeiro alcalde republicano de Cerdedo

Pero houbo quen, no eido privado, precedeu a Fraiz na tarefa de preservar e transmitir a memoria magoada mediante a escrita. Non repetirei eiquí o dito por outros respecto de Martín Ferreiro Álvarez ; engadirei, porén, que Martín era fillo de Antonio Ferreiro, reputado canteiro natural de Os Castros e autor dos cruceiros de Acibeiro, Cerdedo e Quireza, entre moitos outros. Radicado na Coruña onde exerceu como mestre de obras do Concello, tras o control da cidade polos militares Martín foi acusado de pasarlle dinamita (á que tiña acceso polo seu cargo) aos defensores da República. Daquela, non tivo outra que liscar ao domicilio dunha irmá no Outeiro, a moi pouca distancia da taberna-tenda que utilizaron de “cheka” os falanxistas daquela contorna. Alí, entre agosto e outubro de 1936, riscou en galego e a xeito de romance picaresco, lembranzas, hábitos do lugar e abusos dos facciosos, que mesmo tentaron enganar a un dos seus fillos para saber do seu tobo:
“…O meu pequeno mostrando dous duros/Para ti si nos dices donde está.
Meter a un rapaz neses apuros/Para facerlle ao seu pay (sic) delatar…”
Tamén e dende o corredor da súa casa de acollida, foi testemuña das correrías nocturnas dos fascistas por aqueles rueiros, así como das inxustas multas que o falanxista Bao e os seus secuaces impuñan á veciñanza en proveito propio:
“Lévanlle os mozos, á morrer é matar/ós homes xa feitos é das sociedás.
En montes, currunchos, tense que agachar/sin (sic) que eso os libre das multas votadas;
¡Telas que pagar!”
De Martín Ferreiro, que fuxiu a Portugal aos poucos axudado polo seu irmán Antonio e por outro familiar, cumprirá falar máis noutra ocasión.
Na posguerra, un canteiro de Figueiroa foi quen de escribir as súas vivencias como soldado da República, lembranzas intercaladas con algún dato respecto das infames represalias que se estaban a producir nas terras de Cerdedo: eis as Memorias de Rogelio Arca Rivas, ben coñecido nestas terras por ser fillo dun dos sacrificados na Ponte do Barco. Estas Memorias pasaron discretamente por mans acolledoras durante anos, contribuíndo a sustentar a memoria colectiva conservada ata hoxe por algunhas capas populares. Ao cabo, aínda debemos referirnos ao veciño de Santa Baia de Castro, Manuel Monteagudo Ruzo, autor de manuscritos nos que se relatan os atropelos alí cometidos; devecemos porque algún día saian á luz.
Na súa lembranza, na da veciñanza represaliada e mais unha vez sen recoñecemento algún polo Concello, o vindeiro 13 de agosto deitaremos flores e librepensamentos na humilde pedra da liberdade ergueita na Ponte do Barco.
Dionísio Pereira
(Historiador e membro de Verbo Xido)

Desagravio dos Carballos e a prol dunha verdadeira prevención de incendios

Imaxes da concentración en “Desagravio dos Carballos e a prol dunha verdadeira prevención de incendios” celebrada o día 22 de xullo en Meilide (Cerdedo) e convocada pola Federación Ecoloxista Galega. Ao acto asistiron medio centenar de persoas, entre elas veciños de distintas parroquias cerdedenses; contando co apoio de numerosos colectivos e cargos públicos do BNG e do PSOE, interviron Benito Andrade da APDR e da FEG, Xosé Alfredo Pereira da Organización Galega de Comunidades de Montes e Lola Varela por Verbo Xido. Dende Verbo Xido, agradecemos a solidariedade das persoas e colectivos asistentes e agardamos que o acto serva como chamada de atención ao Alcalde de Cerdedo, para que rectifique a súa absurda política de tala e mutilación indiscriminada de especies autóctonas.