Emigrados, exiliados e perseguidos. A comunidade portuguesa na Galiza (1890-1940)

O vindeiro venres 24 terá lugar na sala de exposicións de Novagalicia Banco de A Estrada a presentación (por parte da asociación cultural Vagalumes e Verbo Xido), do novo libro de Dionisio Pereira “Emigrados, exiliados e perseguidos.  A comunidade portuguesa na Galiza (1890-1940)” e das listaxes de vítimas do franquismo Terra de Montes nun acto de homenaxe ao portugués, veciño da Estrada (Rubín, O foxo) e fusilado no 1936, Manuel Graciano Araujo, personificando nel a comunidade de inmigrantes leais á república que foron inmolados por defender a xustiza e a libertade.

libro-de-DIONISIO

Referencia da obra:
“Emigrados, exilados e perseguidos. A comunidade portuguesa na Galiza (1890-1940)” é o título da última publicación da Através Editora, carimbo editorial da AGAL, un traballo de historia transnacional que profundiza na recuperación da memoria colectiva entre ambos países. Dionísio Pereira (historiador e economista), é o autor deste ensaio que mostra os efectos da persecución política perpetrada polos franquistas tras o golpe do 36, contra cidadáns de orixe portuguesa residentes ou exilados en Galiza.
Unha pesquisa histórica centrada nas décadas anteriores a xullo do 36 que identifica o coletivo portugués como unha colectividade integrada secularmente na sociedade galega. O descubrimento da sua importancia naquel contexto represivo permite unha nova abordaxe da sua presenza como corrente migratoria e do seu grau de integración laboral e social, así como avanzar na caracterización das persecucións perpetradas polos golpistas. O autor procura, desde finais do século XIX, como é a sua incorporación ao mercado de traballo e como se produce a progresiva integración de multitude de traballadores de alén do Miño nas organizacións obreiras galegas (mesmo como de dirixentes), como prólogo das persecucións de que foron obxecto tras o golpe militar de 1936.
A conivencia do réxime de Oliveira Salazar co golpe contra a República española está ben historiada: desde a participación da coluna de voluntarios dos “Viriatos” á expulsión de fuxidos e a extradición de perseguidos a territorio rebelde. Porém, a presenza portuguesa do ponto de vista das vítimas está pouco documentada e analizada. Trátase dun asunto moi significativo, case descoñecido como fenómeno colectivo, que permite nesta altura formular varias preguntas: a persecución uifrírona como portugueses ou como cidadáns ou habitantes do territorio español? Por que foi obscurecida na memoria e na historia? A invisibilidade deste colectivo reflicte a integración ou a ocultación deliberada?

2 respostas a “Emigrados, exiliados e perseguidos. A comunidade portuguesa na Galiza (1890-1940)

  1. O vindeiro xoves, 13 de febreiro, ás oito e media da tarde, na Galería Sargadelos (rúa da Oliva) en Pontevedra, terá lugar a presentación do libro, presentado por Juan Soto, membro de “Sempre con Vós. Cidadanía pola Verdade”, entidade organizadora do acto.

  2. Un bo descubrimento este blog. Considero que é moi adecuado que se compartan estos contidos e nos chegue a todos información tan imporatante da nosa historia e non caia no esquecemento.

Deixar un comentario